A Real Academia Galega de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas do ano 2020 ao arquitecto, entallador e imaxineiro barroco Domingo Antonio de Andrade. Santiago de Compostela pode presumir de ter entre as súas xoias arquitectónicas o maior mostrario das intervencións deste magnífico arquitecto, nado no coruñés pobo de Cee en 1639. A arte barroca compostelá e galega non se entenderían sen a figura de Andrade e este estilo non o podemos desligar da cidade de Compostela, onde deixa a maior demostración da súa imaxinación.
Para conmemorar o acontecemento do Día das Artes Galegas, uníronse esforzos para que puidese ver a luz esta publicación, coordinada por dous magníficos profesionais -Celestino García Braña e Alfredo Vigo Trasancos-, que nos mostra os últimos descubrimentos sobre o arquitecto ceense e a súa obra.