Programa de mantemento de lousados
“A pedra que pisas” é un programa centrado na reparación e conservación dos máis de 60.000 m2 de lousados de granito da cidade histórica de Santiago. Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas do casco histórico. As actuacións están planificadas pola Oficina Técnica do Consorcio.
No marco deste programa, en 2014 actuouse en 25 rúas e prazas, cun total de 156 intervencións. Interviuse na Rúa Nova, Acibechería, Algalia de Abaixo e Algalia de Arriba, Atalaia, Caldeirería, Conga, Troia, Casas Reais, Entremurallas, Fonte Sequelo, San Francisco, Xelmírez, Franco, Preguntoiro, Tránsito dos Gramáticos, Vía Sacra e Rúa do Vilar. E tamén se actuou nas prazas de Feixóo, San Fiz, Inmaculada, Praterías, Cervantes, Toural e no Obradoiro.
Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto á deterioración do empedrado, ao enderezo apedraquepisas@consorciodesantiago.org. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de subsanar o desperfecto.