O Consorcio de Santiago, en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional, desenvolve o Sistema de Información Patrimonial, unha ferramenta informática de xestión e coñecemento da cidade histórica que pode ser consultada a través de internet, non só por profesionais, senón tamén polo público en xeral.
O portal inclúe todo tipo de datos relacionados co patrimonio inmoble da Cidade Histórica de Santiago: documentación histórica e arqueolóxica documental ou gráfica; inventario de elementos patrimoniais en interiores de monumentos, igrexas, pazos; levantamentos arqueolóxicos en superfice; información catastral e referencial de actuacións de rehabilitación en inmobles; planos históricos e evolución do tecido urbano.
No proxecto colaboran o Consello Superior de Investigacións Científicas, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.