Patrimonio do Consorcio

Ao longo dos anos, o Consorcio de Santiago foi incorporando ao seu patrimonio un conxunto de edificios e equipamentos cuxa importancia é relevante dentro das políticas de recuperación urbana desenvolvidas na cidade de Santiago.


EQUIPAMENTOS URBANÍSTICOS NA CIDADE

 

Palacio de Congresos E Exposicións de Galicia www.palaciosantiago.com 

Proxectado polo arquitecto Alberto Noguerol del Río, o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia sitúase xunto ao acceso norte, nun importante nó de comunicacións. Trátase dunha edificación especializada para desenvolver congresos e exposicións, así como de usos complementarios como concertos e outros actos socioculturais. O volume edificado é de 15.000 metros cadrados, e a superficie dos servizos complementarios ocupan 32.500 m2.

 


Multiusos Fontes do Sar www.multiusos.net 

Representa un dos máis ambiciosos proxectos realizados canto á dotación de infraestruturas públicas. Proxectado polos arquitectos Pujol e Arenaza, con el dótase a cidade, non só dun gran espazo para espectáculos multitudinarios cuberto, senón dun recinto que, pola súa capacidade, permite acoller ao mesmo tempo as máis variadas disciplinas deportivas. Os máis de 10.000 metros cadrados de superficie que compoñen as instalacións do Multiusos Fontes do Sar poñen ao servizo do cidadán un espazo de preto de 2.000 metros cadrados para prácticas deportivas, un aforo de 10.000 espectadores para eventos musicais e dúas piscinas exteriores de grandes dimensións.

 


EQUIPAMENTOS CULTURAIS


Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

O Consorcio de Santiago impulsou, dende 2007, a remodelación da antiga sede do Banco de España e a súa adaptación como Museo das Peregrinacións e de Santiago. Inaugurado en 2012, o edificio é un proxecto de Manuel Gallego Jorreto, quen mantivo a apariencia exterior do edificio, reestruturando por completo o interior, adaptándoo ao seu uso museístico. Gallego interpretou perfectamente os espazos con harmonía e sinxeleza de liñas, xerando un referente arquitectónico no corazón da cidade histórica de Compostela. O novo Museo está chamado a ser un referente na cidade, contribuíndo a potenciar a súa oferta expositiva e converténdose nun lugar de encontro para os propios composteláns e todos aqueles que se acheguen á cidade, final e meta do Camiño de Santiago.  O novo edificio foi premiado na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.

 


Casa do Cabido

En 2011 o Consorcio de Santiago rehabilitou por completo o edificio barroco coñecido como Casa do Cabido, na praza de Pratarías. A obra supuxo unha restauración completa do edificio, que se adaptou para o seu novo uso cultural. O proxecto de rehabilitación, dirixido desde a Oficina Técnica do Consorcio, respectou ao maximo a concepción e os materiais orixinais do inmoble, unha das máis altas expresións de arte barroca na cidade, trazado por Clemente Fernández Sarela no século XVIII. Actualmente é sede de exposicións temporais.

 

 

 

FINCA DE VISTA ALEGRE

 

Dentro da Finca de Vista Alegre, parque público de propiedade municipal, atópanse diversas instalacións con vocación de uso docente, universitario e cultural promovidas polo Consorcio de Santiago: A Casa de Europa, o Centro de Estudos Avanzados, a Escola de Altos Estudos Musicais e o Museo de Historia Natural. Todo este espazo verde foi reurbanizado e acomodado aos novos usos polos arquitectos César Portela e Arata Isozaki, preservando os valores ambientais e paisaxíticos.


Escola de Altos Estudos Musicais

Volume pétreo de planta cadrada cuxa disposición da fachada ofrece unha imaxe de gran abstracción, de acordo co proxecto do arquitecto Antón García-Abril Ruiz. O edificio é a sede da Escola de Altos Estudos Musicais, xestionada polo Consorcio de Santiago e que imparte, entre outros cursos, o curso de posgrao Curso Avanzado de Especialización Orquestral. O edificio dispón de auditorio, unha sala de cámara e orquestra, salas de percusión e electroacústica, aulas e despachos, tanto de profesores como de alumnos.

 

Infraestruturas xestionadas pola Universidade de Santiago de Compostela:

 

Casa de Europa www.usc.es/es/servizos/casaeuropa/

Antigo palacete que presidía a Finca de Vista Alegre. Rehabilitado como residencia para os profesores procedentes doutras universidades do mundo, actualmente acolle un centro de investigación en humanidades e ciencias sociais.

Centro de Estudios Avanzados http://www.usc.es/es/servizos/cea/

Trátase doutro proxecto dos arquitectos César Portela e Arata Isozaki concibido como un foro de intercambio de experiencias, métodos e proxectos entre os investigadores galegos e os internacionais.


Museo de Historia Natural http://revistas.usc.es/museohn

En outubro de 2009 poñíase a primeira pedra da nova sede do Museo de Historia Natural, edificio deseñado polo arquitecto César Portela que destaca pola súa funcionalidade e polo uso da madeira na súa fachada. O Consorcio de Santiago cedeu o seu uso á Universidade de Santiago, que xestiona o Museo. Este centro é o continuador do Gabinete de Historia Natural creado na Universidade de Santiago en 1840 e conserva moitas coleccións do século XIX, o que o converte nun proxecto científico único.


Infraestruturas xestionadas pola XUNTA DE GALICIA:

 

Albergue de Peregrinos de San Lázaro

Seguindo o proxecto redactado polo arquitecto Arturo Campanero García, o Consorcio de Santiago dotou a este edificio con 56 prazas de dormitorio, sala de actividades, comedor, cociña, aseos, almacén de material e oficina-recepción. En canto aos espazos para actividades destacan tres salas polivalentes para actividades, biblioteca, sala de reunións e oficinas.

 

Zona verde xestionada polo CONCELLO:

 

Parque forestal da Selva Negra - Monte Pedroso

É o parque máis singular e que conserva máis árbores autóctonas dos que configuran o sistema de parques naturais do Monte Pedroso, xunto á Granxa do Xesto e o propio Pedroso, propiedade do Concello. A Selva Negra ocupa 22 hectáreas que en 2007 foi adquirida polo Consorcio de Santiago. Este gran parque da natureza constitúe unha zona natural que se caracteriza pola existencia dunha carballeira de exemplares de grande porte que rodea unhas 2 hectáreas de prado.