Recuperación Urbana

O Consorcio de Santiago mantén como parte fundamental da súa actividade ordinaria a conservación e posta en valor do patrimonio histórico da cidade: as obras no espazo público, a recuperación de vivendas e locais comerciais, e as intervencións en monumentos.

 

A Cidade Histórica de Santiago de Compostela foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1985. Esta circunstancia e a súa anterior designación como capital de Galicia en 1984, comprometeu a firme vontade municipal de impulsar un proxecto integral de renovación urbana. O proxecto estruturouse, e desenvolveuse, considerando á cidade histórica o centro dunha reflexión urbanística complexa  no escenario da cidade completa. A convicción de que a cidade histórica, lonxe de ser un problema, pode ser un modelo e referencia de organización e sustentabilidade para o desenvolvemento urbano contemporáneo, impulsou unha política de recuperación urbana que integrou aspectos urbanísticos, infraestructurales, culturais, sociais e institucionais.

 

 

Dende a entrada en vigor do seu Plan Especial, a Cidade Histórica de Santiago de Compostela recibiu un impulso institucional que permitiu poñer en marcha accións encamiñadas á mellora do estado de edificación e da edificabilidade das vivendas e a unha revalorización do patrimonio cultural. Todas as accións levadas a cabo polo Consorcio de Santiago fortalecen o conxunto histórico como un espazo eficiente e sustentable da actividade residencial, capaz de manter a diversidade social e de recuperar a multifuncionalidade.

 

Tras esta grande transformación xorde un proceso de reflexión activa sobre a nova modernización da Cidade Histórica. A situación actual demanda manter a práctica da rehabilitación, facendo fincapé no mantemento das edificacións. A cultura do mantemento é clave para a conservación do patrimonio da humanidade herdado.