A Casa do Cabido recibiu hoxe ao seu visitante número 300.000 dende que foi inaugurada como espazo expositivo no ano 2012, logo da súa rehabilitación. Desde entón o histórico edificio situado na praza de Praterías acolleu 54 exposicións temporais de diferentes temáticas vinculadas coa cultura galega, o maior número delas de carácter fotográfico.
No día de hoxe Belén Hernández Lafuente, xerente do Consorcio de Santiago, e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio, recibiron ao visitante 300.000. Andrés Roberto Medina Blanco, chegado de Colombia, foi agasallado cun lote de publicacións do Consorcio como recordo deste fito, ao igual que a súa acompañante Ángela Liliana Blanco Ortegón.
Visitantes de todo o mundo
A meirande parte dos 300.000 visitantes recibidos durante estes anos foron autóctonos, de Santiago de Compostela, seguidos de persoas doutras zonas de Galicia e, en terceira posición, de visitantes procedentes de Madrid. Tamén chegaron persoas de diferentes países europeos, maiormente de Francia e de Alemaña, e mesmo visitantes doutros continentes, destacando os procedentes de Asia, en especial de Xapón e de Filipinas. O perfil de visitante é dun individuo de entre 35 e 55 anos, cun lixeiro predominio das mulleres sobre os homes.
O ano no que se recibiron máis visitantes foi o 2023, onde se batiu o récord con 50.746 persoas. Pola súa banda, as exposicións con mellor acollida foron "Lorca en Compostela" (2023-2024) e "Santiago proxectado, arquitecturas non construídas" (2023-2024), así como a recentemente clausurada "Lousas dun mesmo mundo" (2024), unha mostra fotográfica do compostelán Denís Estévez. A exposición actual é "Ksado. Iconas de Galicia", que estará ata novembro.
Durante a súa traxectoria como sede de exposicións temporais destacan moitas máis mostras, que tiveron tamén unha gran repercusión cultural, como "Memorias do Café Derby (1929-2020)"; "Dobre Quadratura", con obras dos artistas Lois Patiño e Jorge Perianes; "A paisaxe e a súa pegada I e II"; "Parafernalia" con obras de César Lombera; "Rostros, debuxos e caricaturas" de Carlos Maside; "Picheleir@s", comisariada por Mercedes Pintos; esculturas de "Camilo Otero, raíces de Compostela"; "Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo"; "Compostella dicitur. A cidade da catedral "; "Rúas de Compostela. De onte a hoxe" e "Memoria de Compostela", entre outras.
A Casa do Cabido
En 2011 o Consorcio de Santiago rehabilitou por completo o edificio barroco coñecido como Casa do Cabido, na praza de Praterías. A obra supuxo unha restauración do edificio, que foi adaptado para o seu novo uso cultural. O proxecto de rehabilitación, dirixido dende a Oficina Técnica do Consorcio, respectou ao máximo a concepción e os materiais orixinais do inmoble, unha das máis altas expresións de arte barroco na cidade, trazado por Clemente Fernández Sarela no século XVIII.