Un libro coeditado polo Consorcio de Santiago e a USC analiza a percepción do tempo na Compostela medieval

"Tiempo y viaje en la Compostela medieval: estudios sobre tiempo, individuo y peregrinación en la Edad Media"
venres, 10 Outubro, 2025

O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron este venres 10 de outubro no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia a publicación "Tiempo y viaje en la Compostela medieval: estudios sobre tiempo, individuo y peregrinación en la Edad Media", obra de Xosé M. Sánchez Sánchez e pertencente á Biblioteca Científica Compostelana do Consorcio.

 

Na presentación o autor estivo acompañado por Antonio Míguez Macho, decano da Facultade de Xeografía e Historia; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; e os responsables dos departamentos de publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco Valdés e Juan Conde Roa, respectivamente.

 

A obra "Tiempo y viaje en la Compostela medieval: estudios sobre tiempo, individuo y peregrinación en la Edad Media" é unha monografía que transita polas ideas e nocións do tempo que tiñan os individuos no seu camiño cara a Santiago e polas formas que tales ideas implican. Desde a perspectiva das fontes documentais, os edificios, os obxectos e ritos, arguméntanse os cambios producidos en torno ao século XII, que definen usos diversos na percepción do tempo.

 

Esta publicación xorde dun proxecto de investigación financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións da USC, tras a súa selección na IV Convocatoria de axudas da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións para Proxectos de Investigación (2021), e contou no seu desenvolvemento coa colaboración da Fundación Catedral e o Arquivo-Biblioteca  da Catedral de Santiago.

 

Xosé M. Sánchez Sánchez

 

Doutor e actualmente profesor de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela. Entre o 2018 e o 2020 impartiu docencia da mesma disciplina na Universidade de Vigo. Foi técnico medievalista no Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago e desenvolveu estancias de docencia na Universidade RomaTre e de investigación no Arquivo Apostólico Vaticano. A súa actividade investigadora xira en torno á sociedade, á mentalidade e ao poder na Idade Media, con especial centro na Galicia medieval.

 

É autor das monografías La iglesia de Santiago de Compostela y el pontificado en la Edad Media (2011) e Iglesia, mentalidad y vida cotidiana en la Compostela medieval (2019), ambas publicadas en coedición do Consorcio de Santiago e a USC, así como de diversos artigos especializados en revistas como Anuario de Estudios Medievales, Annuarium Historiae Pontificae, Studia Historica. Historia Medieval, o Journal of Medieval Iberian Studies.