O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de sacar á luz unha edición facsimilar e ilustrada da derradeira novela de Rosalía de Castro, El primer loco (subtitulada Cuento extraño).
Publicada en Madrid en 1881, a un prezo de dúas pesetas, é a quinta e derradeira novela de Rosalía. A historia desenvólvese no bosque que, en 1856, acollera o insólito Banquete democrático de Conxo -en Santiago de Compostela-, un espazo natural e vital que fascinaba á autora. A novela ergue unha dobre bandeira: a da dignidade humana e a defensa da paisaxe e da natureza.
El primer loco retrata o personaxe de Luís, que vai perdendo a razón á vez que lle conta a Pedro a historia dos seus amores imposibles con Berenice e Esmeralda. Ao mesmo tempo, o antigo convento de Conxo inicia a súa transformación en manicomio.
Este volume reproduce fielmente aquela edición primeira e incorpora un magnífico estudo introdutorio, escrito polos especialistas María do Cebreiro Rábade (Compostela, 1976), profesora de Teoría da Literatura na Universidade de Santiago; e Germán Labrador (Vigo, 1980), profesor do departamento de Linguas e Culturas Españolas e Portuguesas da Universidade de Princeton, en Estados Unidos.
Este estudo representa “un traballo que con seguridade sentará as bases e abrirá camiños para futuras e novas interpretacións da obra de Rosalía de Castro, en concreto da súa relación coa psiquiatría e tamén co espiritismo” -salienta o editor, Henrique Alvarellos-. Os investigadores entenden esta novela como “un texto de historia alternativa, un espello fantasmal onde se proxecta a trama do seu século”. E lembran que “os conflitos emocionais das novelas rosalianas están sempre respondendo a articulacións sociopolíticas”.
A publicación recolle así mesmo o relato de Rosalía El Domingo de Ramos. Costumbres gallegas, escrito tamén en 1881. Complétase cun singular apéndice gráfico, que reúne vinte fotografías de Denís Estévez que convidan a trazar unha reveladora viaxe sensorial polas sendas do histórico bosque do Banquete de Conxo e de El primer loco.