Párase a instalación do ascensor na sede do Conservatorio Histórico

mércores, 1 Abril, 2020

O Consorcio de Santiago estaba a realizar a obra de instalación dun ascensor no edificio situado na Praza de Salvador Parga nº 4, na cidade histórica, que na actualidade é sede do Conservatorio Histórico, do Ateneo de Santiago e da Real Sociedad Económica de Amigos del País. As obras tiveron que deterse esta semana, con motivo do novo decreto que obriga a paralizar todas as actividades non esenciais. A empresa encargada desta actuación, cuxo importe alcanza os 83.162,24 €, é a empresa local Obras Gallaecia, S.L.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto é Ángel Panero. Explica que “a finalidade desta intervención é garantir a accesibilidade universal ás tres plantas do inmoble histórico, que ten unha superficie construída total de 2.555,93 metros cadrados e un uso intensivo por parte dos cidadáns debido ás institucións que alberga. Sinala que o Consorcio promove esta intervención dentro do propósito do organismo interadministrativo de “traballar para mellorar sempre as condicións de habitabilidade dos edificios da cidade histórica, neste caso respaldando técnica e administrativamente o procedemento para a instalación dun ascensor que garanta o dereito á accesibilidade universal de calquera cidadán a todas as plantas en calquera edificio con uso público”.

 

A intervención podería estar rematada un mes despois de que se reanuden as obras

 

O arquitecto indica que “no momento da interrupción da obra estábase rematando de instalar o ascensor e o recubrimento da estrutura. Os traballos relativos a electricidade, fontanería, tabiquerías, cantería, alicatados e ferro estaban xa rematados ou practicamente finalizados na súa totalidade”.

 

“Esperábase que esta mesma semana comezase a traballar o carpinteiro e o pintor co obxecto de rematar as obras na segunda quincena do mes de abril” -apunta Panero-. O arquitecto do Consorcio asegura que “se adoptaron as  medidas oportunas para poder relanzar a obra a pleno rendemento en canto se supere a  situación de alerta sanitaria”. Nesta liña, afirma: “confiamos en poder tela rematada, e o que é agora ben importante, certificada e abonada ao 100%, no prazo máximo dun mes desde o momento da súa reanudación”.

 

Ademais de adoptar as medidas oportunas para relanzar inmediatamente a execución das obras paralizadas en canto se supere a situación de alerta, o Consorcio de Santiago está a traballar intensamente os expedientes administrativos para licitar e adxudicar o maior número posible de obras durante esta parada obrigada. A finalidade é poñer as obras en marcha en canto as empresas, autónomos e traballadores poidan volver traballar.