O grupo de investigación ACBiodiv avanza no proxecto 'Un pavimento botánico para Santiago de Compostela'

martes, 4 Abril, 2023

O grupo de investigación ACBiodiv, da Universidade de Santiago, avanzou esta semana no proxecto 'Un pavimento botánico para Santiago de Compostela' que conta coa colaboración do Consorcio de Santiago no marco do programa 'A Pedra que pisas' de mantemento dos pavimentos da cidade histórica compostelá.

 

Neste caso, os responsables do proxecto traballaron en novas áreas de estudo nunha das entradas á zona vella, concretamente na Praza de Fuenterrabía.

 

Membros do Departamento de Botánica da USC, baixo a dirección do profesor Miguel Serrano, comezaron a instalar nas xuntas dos enlousados, previamente acondicionadas polos canteiros, diversas combinacións de plántulas e sementes de especies vexetais resistentes ao tránsito, habilitadas con substrato apropiado.

 

Combater o cambio climático
O obxectivo destes traballos é estudar o comportamento colonizador das plantas nas xuntas entre as laxes de pavimento e a súa eficacia para amortecer a temperatura ambiental durante as ondas de calor extremo, cada vez máis frecuentes no verán, no camiño de combater os efectos do cambio climático.

 

Este proxecto enmárcase dentro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS da ONU) para conseguir unha cidade histórica que integre a micropaisaxe verde co entorno pétreo da urbe e onde a flora volva ser un elemento constante do tecido urbano, característico da paisaxe urbana histórica de Santiago de Compostela.

 

A pedra que pisas
O Consorcio de Santiago conta co programa 'A pedra que pisas' que desde 2007 traballa coa intención de aglutinar as iniciativas e accións encamiñadas a mellorar o coñecemento dos pavimentos históricos da cidade, así como a estudar e optimizar os instrumentos de intervención destinados á súa reparación, mantemento e conservación.

 

O programa oriéntase á posta en valor dos máis de 60.000 metros cadrados de enlousados de granito da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas do casco histórico con actuacións planificadas pola Oficina Técnica do Consorcio de Santiago.