Santiago recibe esta semana a visita dos xerentes dos outros dous Consorcios de cidades Patrimonio da Humanidade que hai en España -ademais do de Santiago-, Cuenca e Toledo. O xerente do Consorcio da Cidade de Cuenca, Mariano Teruel, e o xerente do Consorcio da Cidade de Toledo, Jesús Corroto; xunto ao inspector xeral do Ministerio de Facenda e Función Pública, Ángel Esteban, e a xerente do Consocio da Cidade de Santiago, Belén Hernández, foron recibidos esta mañá polo alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo.
Hoxe mércores e mañá xoves manterán xornadas de traballo nas que abordarán as necesidades e retos comúns como a posta en marcha da Administración dixital, o seguimento da actividade administrativa dos tres consorcios ou a convocatoria dos fondos europeos, entre outras cuestións. Así mesmo, darase conta das actuacións que está a levar a cabo o Consorcio de Santiago nos eidos da rehabilitación e mantemento de inmobles, conservación do patrimonio e intervencións no espazo público. Ademais, realizaranse visitas ás obras que o Consorcio de Santiago ten en marcha nestes intres.