Veciños de Conxo fan ás súas contribucións ao Plan Especial de Protección e Rehabilitación do conxunto patrimonial do seu barrio

Veciños de Conxo no seu paseo polo barrio
sábado, 2 Xullo, 2022

Os veciños do barrio compostelán de Conxo realizaron unha visita esta semana acompañados de membros do equipo que está a redactar o plan especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo cos xardíns e hortas, zonas de acceso e núcleos de entorno.

 

Nesta xuntanza analizáronse as "necesidades e problemáticas relacionadas co tráfico ou cos servizos públicos así como coa conservación do patrimonio ou a integración co resto da cidade do barrio de Conxo", segundo indica Mario Crecente, coordinador do equipo encargado do proxecto.

 

Esta é xa a segunda reunión que se mantén coa veciñanza do barrio co fin de coñecer as inquedanzas e preferencias ao fin de obter un resultado satisfactorio para usuarios, traballadores e conviventes da zona. Durante estes meses estanse mantendo tamén reunións con asociacións de enfermos, técnicos e expertos.

 

Nesta ocasión, na que se realizou un paseo polo barrio así como polos xardíns e hortas do hospital psiquiátrico, foron acompañados tamén por Jesús Sánchez, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago que está estudando a historia do hospital psiquiátrico, así como Gaspar Bernárdez, ambientalista encargado de coñecer as árbores da contorna de Conxo, e Carlos Martínez, pertencente á Asociación Itínera de axuda aos enfermos de saúde mental quen explicou, desde un punto de vista máis próximo, a historia do centro sanitario.

 

Na visita aproveitouse para solicitar aos veciños pistas, memorias ou lembranzas que poidan coñecer para obter información sobre o mosteiro antigo de Conxo que estaba situado no mesmo lugar que o que hoxe en día é o hospital psiquiátrico, necesarios para poder avanzar na investigación, e que poden remitir a conxo@crecenteasociados.com.

 

Plan Especial de Protección e Rehabilitación

O Plan especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo cos xardíns e hortas, accesos e núcleos do entorno naceu tras a sinatura do convenio entre o Consorcio e o Concello de Santiago de Compostela en setembro de 2020, xa que esta área está incluída na delimitación pola que a UNESCO declarou a Santiago de Compostela Patrimonio Mundial en 1985.

 

Este Plan ten carácter de Plan de Protección e Rehablitación no ámbito catalogado correspondente á Zona de Ordenación Especial do Conxunto Histórico-Artístico da cidade de Santiago.

 

O documento resultante deste Plan contemplará os usos sanitarios, asistenciais, universitarios, documentais, de investigación e deportivos e determinará as necesidades e a idoneidade da implantación en función dos valores a protexer, sexan de carácter patrimonial e/ou ambiental.