O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela publican Iglesia, mentalidad y vida cotidiana en la Compostela medieval, do historiador compostelán Xosé M. Sánchez Sánchez.
Tal como explica o autor, “a Igrexa de Santiago de Compostela catalizou o desenvolvemento da cidade circundante ao longo da Idade Media, de xeito que a configuración do núcleo urbano e a evolución da sociedade e da economía aparecen intimamente ligadas ao devir da propia institución. Exerceu especialmente a súa influencia sobre dous aspectos fundamentais: a vida cotiá e a mentalidade colectiva”.
Esta monografía pon o foco na vida da cidade durante os séculos medievais, examinando como a presenza catedralicia e episcopal ten afectado tanto aos comportamentos dos cidadáns como a determinados sectores. Debúllase o día a día da cidade e amósase como a Igrexa ten colaborado na definición da cotidianeidade entre os séculos XII e XV.
Este estudo ten por obxecto mergullar aos lectores na Idade Media dende o cotián, no comportamento e na vida humana máis rutinarios. Ademais da vida diaria dos homes e mulleres medievais, tamén interesa a cidade. “Santiago era o principal centro urbano do reino de Galicia, crisol de persoas, culturas e procedencias, pero tamén fogar e residencia de oriúndos e veciños” -indica Sánchez-. A obra afonda na cidade e no xeito no que a presenza e a actividade da Igrexa inflúen sobre ela.
Os oficios máis relevantes, a cultura, as reunións cidadáns e o culto á morte
A publicación aborda a materialización das reunións cidadás, a cultura e mesmo a vestimenta. Tamén se refire ás cores e aos sons propios da cidade no século XV. E achégase aos sectores económicos e aos oficios máis relevantes: comerciantes, cambiadores, mercaderes, prateiros, orfebres, boticarios, concheiros, acibecheiros, albergueiros, pedreiros e canteiros, pescadeiras, carniceiros, panadeiras, o sector téxtil, fabricantes de pergamiños, escribanos, miniaturistas…
O calendario de celebracións da Igrexa compostelá marca igualmente o calendario anual, mensual e diario da cidade no transcurso da Idade Media. Por outro lado, o espazo funerario presenta uns usos particulares nas súas formas e celebracións, así como na topografía urbana, delimitando lugares e comportamentos que nos permiten achegarnos aos nosos antepasados polas rúas pétreas da cidade, coa praza da Quintana como centro destacado da topografía funeraria.
Na mesa compostelá destes séculos predominaba o pan, o viño, a carne e o peixe
O historiador sinala que “a evolución da cidade, no seu día a día, posúe uns ritmos particulares marcados pola súa calidade de centro peregrinatorio e eclesiástico destacado. A configuración do urbanismo, a distribución das súas rúas e dos sectores económicos que se espallan por elas deben interpretarse dende o exame do poder señorial da Igrexa. Oficios e desempeños multiplícanse nos distintos sectores, cunha demanda sostida en parte pola peregrinación e a recepción de poboación flotante e que ten especial presenza en concheiros e acibecheiros”.
E nas rúas e nas casas os obxectos, o enxoval e a vestimenta cambian cos tempos. “A roupa, en diferenza de vestido masculino e feminino especialmente desde o século XIII, aporta as notas de cor e gusto persoal na poboación. En canto aos obxectos da cotidianeidade, ademais do mobiliario e enseres propios deste período, destacan os orientados á devoción persoal e privada” -apunta o autor-. Respecto á alimentación, na mesa compostelá destes séculos predominaba o pan, o viño, a carne e o peixe como elementos destacados na dieta. Tamén tiñan certa importancia, aínda que en menor medida, as froitas, as hortalizas e as castañas.
Vinte anos como técnico medievalista no Arquivo da Catedral compostelá
Xosé M. Sánchez é licenciado en Historia e doutor cum laude en Historia Medieval pola Universidade de Santiago. Traballa como técnico medievalista do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago desde o ano 2000. Exerce ademais como profesor-titor de Historia Medieval no Centro Asociado da UNED (Pontevedra) desde 2011 e na actualidade é profesor contratado interino de Historia Medieval na Universidade de Vigo. As súas principais liñas de investigación céntranse na Historia social da Idade Media.