Un libro recolle a arte da pratería en Compostela nos séculos XVI e XVII

martes, 19 Novembro, 2019

O Consorcio de Santiago e Andavira Editora publican Los Cedeira. Arte de la platería en Compostela (siglos XVI-XVII), unha obra da historiadora Diana Dúo Rámila.

 

Este libro é o resultado de anos de investigación de Diana Dúo dedicados ao estudo da pratería en Galicia e, en particular, á obra dos Cedeira, prateiros aos que a historiadora dedicou a súa tese de doutoramento. Titulada Plateros portugueses en Galicia. El taller de los Cedeira (1542-1667), dirixida por Ana Goy Diz, defendeuna na Universidade de Santiago no ano 2014 e foi Premio de Investigación da Deputación da Pontevedra en 2015.

 

De Portugal a Santiago

 

Os Cedeira foron unha familia de prateiros de procedencia portuguesa que se estableceron primeiro na cidade de Santiago de Compostela e con posterioridade tamén en Vigo, a mediados do século XVI. Ao longo de sucesivas xeracións desenvolveron unha intensa actividade profesional que os levou a controlar boa parte do proceso de produción, fabricación e comercialización da prata en Galicia e que se puido documentar ao longo da Idade Moderna.

 

“O coñecemento desta familia de prateiros e da súa obra bríndanos a oportunidade de coñecer mellor a ourivaría galega e compostelá. Ademais, convídanos a reflexionar ou afondar, unha vez máis, na estreita relación histórica entre Galicia e a veciña Portugal”        -salienta a autora-.

 

No ano 1542 tense constancia escrita por primeira vez en Galicia dun integrante da saga dos Cedeira, Jorge Cedeira “el Viejo”, procedente de Guimarães e residente en Santiago. A secuencia continúa ata 1667, ano no que falece Paulos Felipe, un dos derradeiros grandes prateiros desta estirpe, logo de catro xeracións, momento no que se iniciou a decadencia desta dinastía dentro do oficio da pratería. Non obstante, os membros desta familia seguen a documentarse aínda no século XVIII, relacionándose coa mesma máis de duascentas referencias escritas alusivas a encargos recibidos polos seus diversos compoñentes. Abórdanse así 125 anos de estudo.

 

Os Cedeira realizaron obras de referencia como a Cruz da Corticela

 

Respecto aos motivos que levaron á familia Cedeira a abandonar o seu país e trasladarse a Santiago, a autora considera distintas razóns, entre as que destaca a súa condición de xudeus conversos, o que os levou a vivir situacións difíciles. Ademais, naquel momento Compostela era foco cultural e centro de peregrinación, o que representaba unha grande oportunidade para o oficio.

 

Ao pouco tempo de chegar á cidade, Jorge Cedeira xa ocupou o posto de prateiro na Catedral de Santiago. Unha vez establecida, a familia creou unha ampla rede de talleres. “O seu xeito de traballar e a relación calidade prezo levounos a alcanzar un extraordinario volume de produción de pratería” -sinala Diana Dúo-. Traballaron para as principais institucións e realizaron obras de referencia como a Cruz da Corticela.

 

No seu proceso de investigación a historiadora reuniu información relativa á actividade artística deste taller, o seu xeito de vida, costumes, intereses, relacións familiares, crenzas, vinculacións con outros talleres, traxectorias vitais, maneira de traballar, tipos de punzóns e marcas que empregaban, datos sobre o seu nivel cultural, posición económica e social… O seguinte paso foi localizar todas as pezas que se conservan, fotografalas, debuxalas para poder clasificalas e estudalas, co fin de poder elaborar un catálogo de obras o máis completo e rigoroso posible.

 

“Podemos concluír que as obras dos Cedeira son dunha gran calidade e demostran unha valía que vén avalada pola propia perdurabilidade das que chegaron ata os nosos días, repartidas por boa parte da xeografía galega” -destaca a investigadora-.

 

O estudo da ourivaría en Galicia

 

Diana Dúo Rámila é licenciada en Historia da Arte pola Universidad Complutense de Madrid e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade traballa no Museo de Pontevedra; é investigadora do Centro de Estudos da Historia da Cidade e colaboradora do Grupo de Investigación Iacobus, ámbolos dous da Universidade de Santiago. Ten abordado o estudo da ourivaría en diferentes traballos, conferencias e publicacións, destacando o estudo da aportación lusa na pratería galega.