Un libro do Consorcio de Santiago sobre a arquitectura de Domingo de Andrade é finalista dun premio europeo de patrimonio

Portada Domingo de Andrade. Continuidad y transformación en un enclave compostelano"
martes, 27 Maio, 2025

A obra "Domingo de Andrade. Continuidad y transformación en un enclave compostelano", de Celestino García Braña en colaboración con Adrián Alonso Lorenzo e coeditado polo Consorcio de Santiago xunto a Teófilo Edicións, foi seleccionado no certame europeo Architectual Heritage Intervention (AHI) 2025, na categoría de Divulgación. Este certamen bienal, que desde o 2013 recoñece as mellores intervencións no patrimonio europeo, realízase conxuntamente co Colexio de Arquitectos de Cataluña. A cerimonia de entrega de premios terá lugar en Barcelona o próximo 5 de xuño.

 

Os seleccionados do Premio Europeo AHI 2025 foron escollidos entre un total de 238 proxectos rexistrados, correspondentes a 24 países europeos. Neste sentido, a obra sobre Domingo de Andrade foi seleccionada polos arquitectos Elodie Degavre, Stephen Bates e Mariona Benedito dun total de 28 proxectos na categoría de Divulgación. Dentro dos 10 finalistas atópanse obras de Reino Unido, Países Baixos ou Portugal.

 

O libro "Domingo de Andrade. Continuidad y transformación en un enclave compostelano", que pertence á Biblioteca Científica do Consorcio de Santiago, será presentado próximamente nun acto na cidade.

 

O gran mestre do barroco

 

Na publicación "Domingo de Andrade. Continuidad y transformación en un enclave compostelano" Celestino García Braña, a través de debuxos realizados polo arquitecto Adrián Alonso Lorenzo, analiza o traballo do mestre Domingo de Andrade.

 

En específico trata o ocorrido en Compostela entre as prazas da Quintana e Praterías, que, cristalizado en longos anos: enmarcou unha entrada catedralicia cun Pórtico Real que, tempos despois, sería desprazado; levantado unha torre-campanario; construído unha sancristía que logo sería capela do Pilar; incorporado monumentais escaleiras e dado acubillo a singulares cóengos nun elocuente Palacio.

 

Celestino García Braña

 

Presidente da Fundación DOCOMOMO Ibérico desde 2007 e vicepresidente da Real Academia de Belas Artes de Galicia desde o 2014, o arquitecto Celestino García Braña foi tamén decano-presidente do Colexio de Arquitectos de Galicia (2005-2011), vicepresidente do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (2010-2011), profesor na ETS de Arquitectura de A Coruña (1981-2015) e director do Departamento de Composición da UDC entre o 1993 e o 2005. A súa actividade   didáctica e investigadora levoulle a participar en numerosos congresos e seminarios en diferentes países e dado conferencias e cursos especializados en Alemaña, Arxentina, España, Italia, México, Portugal, República Dominicana e EE.UU.

 

É ademais autor de diversos libros como a obra colectiva "Bonaval, de onte a hoxe. Da arquitectura á cidade", publicada polo Consorcio de Santiago xunto a Teófilo Edicións no ano 2019, e gañador de numerosos premios a nivel nacional e europeo polas súas intervencións arquitectónicas, como o Premio Europeo á Rehabilitación de Addipa no 2015 pola rehabilitación do Mosterio de Caaveiro.