O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago presentaron este xoves na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago o libro 'Socorrer enseñando. La Real Sociedad Económica y la literatura artística en Compostela' de Miriam Elena Cortés López, que coeditan entre as dúas institucións e pertencente á Biblioteca Científica Compostelá do Consorcio.
Ao acto de presentación, ademais da propia autora, acudiu a presidenta do Consorcio e alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País, Francisco Loimil; así como os responsables de publicacións de Consorcio e USC, Juan Conde e Juan Blanco.
A obra, que foi galardoada co VII Premio de Ensaio Histórico Domingo Fontán da Real Sociedade Económica de Amigos do País e da Universidade de Santiago de Compostela, fai unha ampla recollida de textos históricos de humanistas, pintores, escultores e arquitectos procedentes de diferentes países europeos que traballaron en Compostela desde o século XV en adiante.
Esta colección faise tras a investigación da autora ara a súa tese de doutoramento, que presenta neste libro parte da documentación utilizada e localizada para tal fin.
Para poder chegar a facer este traballo, foi moi importante para Miriam Elena a documentación histórica da que dispón a Real Sociedade Económica de Amigos do País, entidade da que di que grazas a eles pódese recompoñer unha parte da historia da cidade.
"Co apoio destas fontes documentais pódese concluír que a literatura artística tivo un peso considerable na configuración da cidade de Época Moderna. Nesta misión non só participaron algúns arquitectos coas súas bibliotecas persoais, senón que é nos recintos relixiosos onde hai que poñer a atención, atopando en moitos destes espazos non só aos artífices senón as fontes escritas que, foron a base teórica de parte do patrimonio cultural construído na nosa cidade", indica a autora.