Un catálogo editado polo Consorcio recolle as biografías de arredor de 500 personalidades relacionadas coa Catedral no século XVI

Presentación no Instituto Teolóxico Compostelán
mércores, 8 Xuño, 2022

O Consorcio de Santiago presenta este mércores un catálogo biográfico da catedral compostelá pertencente á Biblioteca Científica Compostelana e coeditado coa Universidade de Santiago de Compostela no que se reúnen as vidas dunhas 500 dignidades, cóengos e racioneiros da catedral de Santiago do século XVI recollidas por Arturo Iglesias Ortega.

 

Este libro, editado en dous tomos concentra un inxente traballo desenvolto ao longo de máis de vinte anos e que recolle unha variada e riquísima información biográfica sistematizada en diversos campos tales como a procedencia xeográfica, social e familiar, a súa idade, a formación académica, carreira civil e eclesiástica ou aspectos da súa vida.

 

Á presentación, no Instituto Teolóxico Compostelán situado no mosteiro de San Martiño Pinario, acudiron, ademais do autor Arturo Iglesias Ortega, o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Á. Sánchez Bugallo, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, o canónigo arquiveiro-bibliotecario da catedral de Santiago, Francisco Buide del Real, así como os responsables de publicacións da Universidade e do Consorcio de Santiago, Juan Blanco Valdés e Juan Conde.

 

Un inxente traballo
Segundo o autor, "aporta información sobre individuos, familia e institucións dun ámbito social amplísimo e dun marco xeográfico que, superando o estritamente compostelán, acada a todo o territorio da antiga Coroa de Castela e incluso chega ao estranxeiro, convertíndose en fonte de consulta indispensable para os investigadores dun amplo abanico de estudos historiográficos".

 

Esta obra complétase cun apéndice de case medio centenar de táboas xenealóxicas, que permiten observar as relacións familiares entre os distintos membros do cabido catedralicio de Santiago e cos seus arzobispos, así como a consolidación de auténticos linaxes capitulares.

 

Sobre o autor
Arturo Iglesias Ortega (Essen, Alemaña, 1971) é licenciado en Xeografía e Historia, doutor en Historia Moderna e especialista universitario en Arquivística e Biblioteconomía pola Universidade de Santiago de Compostela, así como posgrao en Arquivística pola UNED. Aínda que formou parte de proxectos de investigación e impartiu clases na USC, a súa traxectoria profesional centrouse no mundo dos arquivos e bibliotecas, destacadamente como responsable do área de documentación moderna e contemporánea do Arquivo Catedralicio de Santiago, no que leva traballando desde fai vinte anos.