Últimos días para visitar a exposición “Dobre Quadratura” na Casa do Cabido

martes, 18 Maio, 2021

A Casa do Cabido acolle desde principios de ano a exposición ”Dobre Quadratura”, comisariada por Mercedes Rozas, con instalacións dos artistas galegos Lois Patiño e Jorge Perianes. O derradeiro día para poder visitala é este domingo, 23 de maio. A Casa do Cabido abre de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas; os luns está pechada ao público.

 

Dúas videoinstalacións, da Costa da Morte a Tokio

 

En Unha habitación para a noite Lois Patiño xoga co lirismo, o silencio da noite e a intimidade custodiada polas sombras. Unha das videoinstalacións lévanos a unha paisaxe mariña nocturna observada desde grande altura. Aquí o único visible é a escuma e os brillos ingrávidos das ondas. Estamos ante un mar evocador como é o da Costa da Morte.

 

A outra videoinstalación nace dunha estancia que o artista levou a cabo na cidade de Tokio en 2019. A distancia e a noite transforman aquí a axitación desta megalópole insomne nunha experiencia contemplativa. Todo elemento material da cidade é absorbido pola escuridade. Todo ruído visual, calmado. Luces de rañaceos ou trens luminosos voan como vagalumes ou como estrelas fugaces.

 

O reflexo do espello

 

Pola súa parte, Jorge Perianes rastrexa no reflexo do espello o periplo eterno do ser humano, cos seus achados e perdas, as súas preguntas e respostas. Presenta este proxecto expositivo en conexión clara coa liña argumental que vén definindo a súa obra desde hai xa uns anos: a circunvalación do ser. E que mellor elemento para indagar e cuestionar ao ser humano que o rei das vanitas, o espello.

 

Así, as salas da Casa do Cabido funcionan como un espello. O autor sitúa sobre un falso chan distintas pezas, cadros e plantas. O espectador deberá transitar polo espazo para velas, e moverase ata onde a estrutura llo permita. As creacións teñen deste xeito unha proximidade aparente, están case ao alcance da man.