
O próximo domingo 25 de outubro será o último día para visitar na Casa do Cabido a exposición “A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista”, organizada polo Consorcio de Santiago. Desde a súa apertura no mes de xullo, a mostra recibiu 27.589 visitas, unha cifra que confirma o interese do público por esta proposta dedicada á evolución arquitectónica e urbanística da cidade.
Ademais, desde que a Casa do Cabido comezou a funcionar como espazo expositivo en 2012, as exposicións organizadas neste inmoble suman xa 303.501 visitas, superando a barreira das 300.000 persoas.
A mostra ofrece un percorrido pola Compostela das primeiras décadas do século XX, con especial atención á arquitectura rexionalista e aos proxectos que contribuíron a definir a identidade da cidade contemporánea. A través de fotografías, planos, debuxos, documentos e material gráfico, reúne tanto obras que chegaron a construírse como propostas que quedaron sobre o papel, pero que permiten comprender outras posibilidades de transformación urbana.
Un dos elementos máis destacados da exposición é a recreación en 3D e o percorrido virtual de 360 graos elaborados polo Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG), que permiten achegarse ao proxecto que Antonio Palacios deseñou en 1932 para a denominada Rúa Galicia. A proposta imaxinaba un gran eixo urbano que conectaría a Porta Faxeira coa praza do Obradoiro e se prolongaría ata a Alameda, nunha intervención que finalmente nunca chegou a executarse.
Comisariada por Jesús Ángel Sánchez García, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, e Santiago Rodríguez Caramés, profesor de Historia da Arte da Universidade da Coruña, a mostra afonda nun período decisivo para a arquitectura galega e na maneira en que Compostela reinterpretou a súa tradición para construír unha identidade propia.
A exposición é de acceso gratuíto e poderá visitarse ata o domingo 25 de outubro, en horario de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e o domingo, de 11:00 a 14:00 horas. A partir dese domingo, a Casa do Cabido adoptará o horario de inverno, co horario de tarde modificado, que pasará a ser de 16:00 a 20:00 horas.