A cidadanía santiaguesa pode gozar ata o vindeiro venres 16 de decembro dos Paseos Patrimoniais impulsados polo Consorcio de Santiago con motivo do seu trixésimo aniversario.
Estes paseos, que están a obter un grande éxito de asistencia, duran aproximadamente unha hora e poden gozarse todos os días ata o venres, partindo ás 20h desde a Praza do Toural. Para asistir ás visitas, que son de balde, non hai necesidade de inscrición nin reserva previa.
O martes e o xoves nas visitas percorrerase a Compostela Patrimonio Mundial, que busca amosar o valor universal excepcional da Cidade Histórica de Santiago, que a levou a obter esta declaración no ano 1985.
Por outra parte, o mércores e venres, poderá descubrirse a Compostela Oculta, nun percorrido guiado que contará anécdotas e historias dos últimos mil anos, descubrindo lugares nos que non reparamos ao camiñar polas rúas da Cidade Histórica, e nos que se descobren episodios descoñecidos da nosa historia.