Últimos días da exposición “Vínculos de Compostela” na Casa do Cabido

mércores, 16 Decembro, 2020

A Casa do Cabido acolle a exposición ”Vínculos de Compostela”, unha mostra colectiva da Asociación Cultural Fotoforum Compostela. O derradeiro día para poder visitala é este xoves, 31 de decembro, ata as 14:00 horas. A Casa do Cabido abre de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas; os luns está pechada ao público.

 

A mostra está integrada por un total de 55 fotografías, a través das cales se amosa o proceso de sensibilización patrimonial dos fotógrafos que participan na mesma. Tal como explican desde Fotoforum Compostela, esta exposición “non se centra no monumental, senón na relación consciente das persoas con espazos, lugares e xentes da cidade”. Así, reflíctense vínculos e emocións dos autores con parques e cemiterios; con locais comerciais, tabernas e espazos do Ensanche; e co centro histórico.

 

A exposición tenta compartir co público este traballo de creación interna que cada fotógrafo experimentou ao longo do proceso; por iso, cada unha das pezas vai acompañada dunha cartela explicativa na que se inclúe a súa emoción ao (re)descubrir Compostela, alén dos datos do autor. O resultado guía a construción dun mapa emocional a partir da apropiación simbólica que os fotógrafos realizaron de 53 localizacións emblemáticas de Compostela.

 

Fotoforum Compostela

 

A Asociación Cultural Fotoforum Compostela comezou a súa actividade no ano 2011 e desde entón ten acadado una gran repercusión, tanto pola diversidade das actividades que organiza como pola dinamización que esta proposta representa no eido da fotografía, non só na cidade de Santiago senón en toda Galicia. Este proxecto común naceu da iniciativa de Fuco Reyes, fotógrafo compostelán, que percibiu moi axiña a necesidade de fomentar a creación dun foro de intercambio e aprendizaxe neste ámbito.