Rematan as obras de instalación dun ascensor na sede do Conservatorio Histórico

luns, 15 Xuño, 2020

Promovida polo Consorcio de Santiago, acaba de rematar a obra de instalación dun ascensor no edificio situado na Praza de Salvador Parga nº 4, na cidade histórica compostelá, que na actualidade é sede do Conservatorio Histórico, do Ateneo de Santiago e da Real Sociedad Económica de Amigos del País. A empresa encargada desta actuación, cuxo importe alcanzou os 83.162,24 €, foi a firma local Obras Gallaecia, S.L.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto é Ángel Panero. Explica que “a finalidade desta intervención era garantir a accesibilidade universal ás tres plantas do inmoble histórico, que ten unha superficie construída total de 2.555,93 metros cadrados e un uso intensivo por parte dos cidadáns debido ás institucións que alberga”.

 

O arquitecto sinala que o Consorcio promoveu esta intervención dentro do propósito do organismo interadministrativo de “traballar para mellorar sempre as condicións de habitabilidade dos edificios da cidade histórica, neste caso respaldando técnica e administrativamente o procedemento para a instalación dun ascensor que garanta o dereito á accesibilidade universal de calquera cidadán a todas as plantas en calquera edificio con uso público”.

 

Tal como resalta Ángel Panero, “a obra executouse con atención ás directrices de seguridade provocadas pola COVID-19 e nestes intres xa podemos afirmar que o edificio ten accesibilidade universal, que era precisamente o obxectivo primordial desta actuación”.