O Consorcio de Santiago resolveu a convocatoria de axudas do programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica de Santiago. Esta subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.
Das 31 solicitudes presentadas a esta convocatoria, aprobáronse 18, polo que o organismo vai financiar 136.926,55 sobre un investimento total previsto neste eido de 360.045,22 euros. A cuantía da subvención é do 40% do orzamento máximo subvencionable.
Condicións dos inmobles
Os inmobles teñen que presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Ademais, teñen que ter unha antigüidade superior aos dez anos; e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.
O Consorcio ofrece asistencia técnica
Estas axudas inclúen tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, pódese solicitar que os técnicos do Consorcio elaboren a documentación técnica necesaria para a realización das obras de pequena entidade, ao tempo que se encargan da dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde.