O 4 de decembro do ano 1985 a cidade de Santiago de Compostela era declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Hoxe mesmo cúmprese o 35º aniversario de tan transcendental efeméride. Para conmemoralo, o Consorcio de Santiago celebrou unha xornada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, que tamén se puido seguir de xeito online. É o cumio dunha serie de actividades que o organismo estivo a promover ao longo dos últimos meses para celebrar esta data coa cidadanía. Todas estas iniciativas enmárcanse no proxecto europeo “AtlaS-WH”, do que forma parte o Consorcio, centrado na xestión sostible das Cidades Patrimonio da Humanidade incluídas na Área Atlántica.
Durante a inauguración do evento, que se celebrou baixo o lema “A xestión do Patrimonio Mundial da Unesco”, participou telematicamente o secretario general de Cultura do Ministerio de Cultura y Deporte, Javier García. Resaltou que “a declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade é un exemplo de todas as transformacións que está a ter a xestión do patrimonio histórico, que antes era un ben local e agora ten un valor nacional e tamén internacional”. E adiantou que o Goberno está a traballar nun borrador de reforma da Ley de Patrimonio Histórico de 1985 na que se destaca o compromiso do Estado coas cidades patrimoniais.
Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, lembrou que o recoñecemento da Unesco a Compostela supuxo “un espaldarazo de cara á conservación e preservación do patrimonio e tamén un orgullo e identidade para os seus cidadáns e para o conxunto de Galicia. E hoxe vemos, como resultado da implicación das diferentes Administracións, un lugar coidado, sustentable e habitable”. O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, sinalou que “a máxima distinción da Unesco serviu para que todos tomaramos conciencia da relevancia do noso patrimonio e da importancia de poñelo en valor, un patrimonio tan singular preservado ao longo dos séculos, que se converte nun elemento xenuíno nun mundo tan globalizado pero tamén coa enorme responsabilidade da súa preservación futura”.
O alcalde de Porto, Rui de Carvalho de Araújo Moreira, abordou -de xeito telemático- a complexidade da xestión dunha cidade Patrimonio Mundial da Unesco a través do caso particular de Porto. Fixo referencia ao desenvolvemento sostible, a eficiencia enerxética, á importancia de manter o espazo público, a mellora da mobilidade, o impulso ás industrias creativas, defender o “comercio auténtico”, a atracción de novos habitantes, así como a sensibilización dos cidadáns para salvagardar o centro histórico destas cidades.
Xerardo Estévez lembrou o proceso de candidatura de Santiago
O arquitecto Xerardo Estévez, rexedor da cidade no momento da súa declaración como Patrimonio da Humanidade, lembrou como foi o proceso de candidatura de Santiago. E salientou as claves e os valores que fixeron que a Unesco situara á cidade compostelá na máis alta posición en relación á protección do Patrimonio Mundial.
O exalcalde fixo referencia á “necesidade de construír o patrimonio do futuro. Cada vez que se restaura, rehabilita ou conserva a arquitectura de antes estamos a patrimonializar, colocando o pasado en presente e preparándose para o futuro”. Incidiu no feito de que “hai 35 anos se logrou o consenso entre as diferentes Administracións porque era un proxecto de calidade e así Santiago converteuse na cidade de Galicia, pero unha cidade aberta, deixando entrar tamén os aires de modernidade”.
En relación ao futuro da cidade, indicou que cómpre combinar os problemas de mobilidade coas novas normas de circulación, reurbanizar os aledaños da cidade histórica, buscar espazos humanizados, reinventar un novo comercio veciñal e potenciar a relación entre os veciños. “A cidade histórica ten que converterse nun espazo de reflexión continua, cómpre pensar de novo a cidade histórica” -manifestou-.
O Patrimonio da Unesco en Galicia
A xornada rematou cunha mesa redonda de debate sobre “O Patrimonio da Unesco en Galicia: múltiples experiencias de xestión”. Estivo moderada pola concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón. Participaron na mesma o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez.
Manifestaron que a declaración de Patrimonio de Humanidade é unha “moeda de dobre cambio”, por un lado, “un recoñecemento á conservación dun patrimonio excepcional, pero tamén un compromiso e responsabilidade para os xestores de manter ese legado para as xeracións futuras, de aí a importancia das políticas de xestión cultural”. Salientaron que algúns dos grandes retos destas Cidades Patrimonio son fixar poboación e lograr un turismo sostible para que a cidade non se convirta nalgo diferente, por exemplo apostando polo alugueiro tradicional fronte ao turístico, ou incorporar servizos esenciais como o acceso a internet, co fin de manter a cidade viva.
Os gañadores do concurso de postais
No transcurso do acto entregáronse os premios do concurso de postais Who cares? (Quen o cuida?), dirixido a alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria. A través deste certame animouse aos rapaces a que reflexionaran sobre a importancia de vivir nunha cidade Patrimonio da Humanidade pero tamén sobre os retos que supón o seu mantemento de cara ás xeracións futuras.
De 4º de Primaria resultou gañador Lucas Rivas Araujo, do CEIP Ramón Cabanillas; de 5º foi Naroa Suárez Sánchez, do CEIP Monte dos Postes; e de 6º Lucía Brea Luna, tamén do CEIP Monte dos Postes. Os tres rapaces recibiron un vale de 30 € para empregar na Libraría Couceiro e un lote de libros do Consorcio de Santiago para os seus colexios. Ademais, fíxoselles entrega do “Carné de Protectores do Patrimonio”.