Oito fotógrafos amosan a súa particular visión do Camiño de Santiago en “A paisaxe e a súa pegada”

domingo, 13 Decembro, 2020

No ano 2019, no marco do proxecto expositivo “Imaxinando Compostela”, que o Consorcio de Santiago promoveu vencellado ao Xacobeo 2021, exhibíronse dúas mostras na Casa do Cabido, “A paisaxe e a súa pegada I” e “A paisaxe e a súa pegada II”. Nestas exposicións recollíase a visión de oito fotógrafos sobre a paisaxe ligada a Compostela como meta e ao Camiño de Santiago: Alberte Peiteavel, Andrea Costas, Denís Estévez, Eva Díez, Javier Teniente, Sheila Pazos, Tino Viz e Xoán Soler.

 

A comisaria destas exposicións, Mercedes Rozas, reúne agora nun libro todas esas fotografías, baixo o título A paisaxe e a súa pegada, unha coedición do Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións. A publicación xa está dispoñible nas librerías e presentarase ao público en canto a situación sanitaria o permita.

 

A autora explica que “cunha atenta mirada, chea de contrastes e simboloxía, os artistas desta publicación aprópianse nas súas creacións do potencial do Camiño de Santiago a través do contexto vital que os rodea”. “Nas súas intervencións os fotógrafos non se deteñen unicamente na parte máis descritiva da imaxe, senón que achegan o rumbo creativo da fotografía con recursos expresivos, enfoques e fusión de técnicas que fan visible o invisible. Os relatos fotográficos rastrexan a atemporalidade da luz sobre o horizonte, a fraxilidade dunha flor ou o latexo do silencio nun bosque, salientan a beleza e potencia da pedra en Compostela, fabulan con total liberdade coa paisaxe, levantan utopías co propio corpo ou debuxan mapas coas nubes. Así, ideando escenarios máxicos que vulneran as leis do tempo, os protagonistas de A paisaxe e a súa pegada urden e menten mundos poéticos persoais, delicados e moi imaxinativos” -sinala-.

 

As miradas dos fotógrafos, oito miradas diferentes

 

Tal como indica a autora, os oito fotógrafos participantes neste proxecto “descobren nas súas obras distintas formas de encarar o traballo fotográfico. A realidade é o punto de partida, pero a partir de aí cada un aborda coa súa cámara estratexias diferentes, buscando ese punto de inflexión que lles permita cruzar a liña do imaxinario a través do mundo do soño, o misterio ou a alegoría”.

 

Andrea Costas xoga coa dualidade entre a realidade e a ficción desde a representación do seu propio corpo. Engarza o valor do leite materno co símbolo da Vía Láctea, co significado que este ten para os camiñantes a Compostela, e que adquire na súa obra un papel alegórico. A fotógrafa converte o espazo de representación nun autorretrato.

 

Na obra de Eva Díez hai unha constante que se repite en todas as súas series: a presenza do silencio. O silencio como ausencia, como soidade absoluta, mesmo coma algo de misterio. Casas baleiras iluminadas na noite, paraxes perdidas nun mar sen horizonte, nubes que se afastan como reflexo do camiño…

 

Denís Estévez adéntrase no compostelán Parque da Selva Negra, buscando un diálogo coa natureza. Busca o silencio da noite, a calma e a serenidade do bosque para atrapar a maxia do momento. O proxecto abórdase desde a suposta mirada dunha persoa invidente que soña cunha luz no medio das tebras.

 

Nas obras de Sheila Pazos a cidade escóndese entre a néboa e o abismo do mar máis profundo, mentres o bosque se camufla sobre un lustroso chapeu. Amosa un lugar amable no que se traza un relato fantástico, irreal e consegue “mentir” moi ben a verdade. Mete o público no ambiente flotando entre edificios ou voando entre nubes.

 

Alberte Peiteavel fai da luz e a sombra espazos habitables nos que desaparecen os perfís dos viaxeiros en busca do horizonte. Estas imaxes captadas en Fisterra son dun lirismo acariñado, sutil e sensible, rastrexado durante horas e horas nunha batida tenaz da fotografía perfecta.

 

Xoán Soler adoita representar a realidade que vive día a día como fotoxornalista de La Voz de Galicia, perseguindo esoutra mirada, a do fotógrafo experimentado que capta a esencia e poesía da cidade. As imaxes fixan o relato no linde mesmo da beleza, no xusto momento que seducen como un feitizo.

 

Javier Teniente detense coa súa cámara ante “o mundo nado cada día” do camiño máis próximo. Unha flor, unha árbore, o ceo debuxado, unha casa perdida na nada, a desembocadura dun río…, un caudal de imaxes que existen na intimidade e acougo da fráxil melancolía.

 

Tino Viz fotografía as “marcas de propiedade” que se conservan nas casas de Santiago de Compostela e que son un feito único. Entre os séculos XVI e XVII, as entidades que dominaban o ámbito inmobiliario da época, fundamentalmente as eclesiásticas, deixaron como signo e prestixio o seu sinal por toda a cidade.