As obras da cuberta das piscinas do complexo de Fontes do Sar rematan a fase de cementación e estrutura para comezar a instalar a cuberta telescópica

sábado, 26 Marzo, 2022

A obra para dotar ás piscinas exteriores do Complexo Multiusos de Fontes do Sar dunha cuberta telescópica pasa xa a unha nova fase tras rematar o proceso de cementación e estrutura o que supón que nos vindeiros días pasarase á traballar na instalación de climatización, previamente á colocación da cuberta telescópica que dará novo aspecto ao centro deportivo e de lecer que poderá entrar en funcionamento a finais da primavera de 2022.

 

Esta intervención, realizada polo Consorcio de Santiago nas instalacións propiedade da institución interadministrativa, está sendo executada por Prace, Servicios y Obras S.A. por un importe de 884.621,79€ máis IVE.

 

O proxecto, asinado polo arquitecto Jorge Barata, realiza unha intervención a partir dunha estrutura de aluminio, dividida en doce módulos, e una cuberta de policarbonato especial para evitar condensacións. A fachada será acristalada ata os 2,20 metros de altura, e a cuberta terá unhas dimensións de 61,80 por 24 metros, sobre unha superficie de 1.446 metros cadrados.

 

Esta cuberta telescópica permitirá que, desde o momento de posta en marcha, a apertura ou peche da estrutura poderá realizarse de maneira doada e inmediata, mentres que o globo do que se dispoñía ata agora obrigaba a pechar as instalacións unha semana para a súa instalación.

 

Ademais, a intervención no complexo deportivo prevé unha estancia de baño turco e unha sauna, así como a mellora da iluminación do conxunto.