O Consorcio remata as obras de conservación da igrexa de Santa Cristina de Fecha

venres, 16 Febreiro, 2018

O Consorcio de Santiago interveu na igrexa de Santa Cristina de Fecha, situada na parroquia homónima. O organismo interadministrativo destinou a esta obra un orzamento global de 27.291,05 euros.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Xosé Allegue, explica que “con esta obra buscábase garantir a mellor conservación do templo, que, ao carecer de canlóns nas súas fachadas, presentaba problemas nelas derivados da acción das escorrentías da cuberta así como da salpicadura da auga dos aleiros contra a fachada”.

 

A intervención consistiu no saneamento das fachadas e da torre do campanario, facendo unha limpeza da pedra. Para evitar que o problema das escorrentías da cuberta se reproduza sobre os novos paramentos, instalouse un canlón e baixantes de cobre, que conducen directamente a auga da cuberta á rede de drenaxe existente, para o que se procurou afectar o menos posible á imaxe das fachadas da igrexa.

 

Como consecuencia da climatoloxía e da ausencia de mantemento, o tellado atopábase en moi mal estado. Un dos obxectivos prioritarios desta actuación era a substitución das tellas da cuberta. O retellado fíxose con ganchos longos que permiten un maior solapamento da tella, polo que houbo que aportar tella vella idéntica á existente para compensar a superficie total. “Isto dificultará a entrada de filtracións de pluviais” -asegura Allegue-.

 

Por outro lado, arranxouse a baranda do coro, que presentaba problemas de mantemento e estabilidade, polo que se procedeu á súa reparación e reforzo.

 

Obras anteriores no inmoble

 

A última intervención levaba a cabo na igrexa de Santa Cristina de Fecha tivo lugar no ano 2002, promovida e financiada polo Consorcio de Santiago. Daquela as obras centráronse no retellado, xunto ao caleado e pintado exteriores. Ademais, construírase unha drenaxe perimetral e instaláranse canlóns e baixantes de cobre nalgunha das fachadas.