O Consorcio licita a redacción do Plan Director do Parque da Alameda

xoves, 28 Outubro, 2021

O Consorcio de Santiago acaba de licitar a redacción do Plan Director do Parque da Alameda por un importe global de 158.721,75 euros. As persoas e empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 17 de novembro para presentar as súas ofertas. Unha vez adxudicado este servizo, prevese un período de execución de 18 meses.

 

O Parque da Alameda de Santa Susana, situado en Santiago de Compostela, está catalogado como Xardín Histórico. O Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago dispón a necesidade de redacción dun Plan Director, co fin de establecer as pautas para a súa restauración e mantemento futuro. O Plan, que estará dirixido por arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio, incluirá os espazos situados entre a trama urbana e a Alameda, así como as conexións e relacións co Campus Sur da Universidade de Santiago.

 

A redacción do Plan Director do Parque da Alameda está recollida na estratexia plurianual 2021-2023 do Consorcio de Santiago. Entre os obxectivos deste plan de actuacións destaca a preservación, recuperación e posta en valor do patrimonio de Santiago de Compostela, no relativo a rehabilitación, mantemento e recuperación urbanas. Nesta liña, no eixo “Parques e xardíns, anel verde, sendas fluviais e Camiños de Santiago” inclúese a redacción do Plan Director da Alameda.

 

O Consorcio de Santiago é consecuente co novo concepto de patrimonio cultural, que foi mudando nos útimos anos, de forma que se ten reconsiderado a maneira de intervir e os principios desde os que deben realizarse as diferentes actuacións nos elementos patrimoniais, incluíndo especialmente o soporte territorial que dá sustento á cidade. Así, preténdese que o novo Plan Director do Parque da Alameda parta destes principios.