O Consorcio e a Universidade de Santiago publican un libro que repasa a música moderna en Santiago entre 1954 e 1978

xoves, 6 Outubro, 2022

O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron este xoves na Sede Afundación o libro 'ComPOPstela, música moderna en Santiago (1954-1978)' pertencente á Biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio e escrito polo doutor en Historia da Arte Alfonso Espiño Louro.

 

Á presentación acudiron a xerente do Consorcio, Belén Hernández, a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, María del Pilar Murias Fernández, e os responsables de publicacións de Consorcio e Universidade, Juan Conde Roa e Juan Blanco Valdés, ademais do propio autor.

 

Neste libro, Alfonso Espiño Louro esmiuza os máis variados aspectos que rodearon os conxuntos formados en Santiago nas décadas douradas da música pop e desvela aspectos como cal foi o primeiro conxunto musical galego en saír por televisión, se realmente se formou un grupo moderno nas torres da Catedral, onde se mercaban as guitarras Los Chelines ou se é certo que un picheleiro foi teloneiro dos The Kinks en 1966.

 

Segundo Espiño "ComPOPstela lémbranos que os ambientes universitarios santiagueses foron o pano de fondo dun temperán desenvolvemento da guitarra eléctrica (1953) á vez que o lugar onde deron os seus primeiros pasos musicais algúns dos compoñentes clave dos futuros Tamara, ou a probeta onde se xestou o primeiro supergrupo galego".

 

Nesta exhaustiva publicación, froito dunha investigación de varios anos, recóllense milleiros de datos da música en Santiago durante un período de 24 anos. Este libro, indica o seu autor "pode ser lido ben de maneira lúdica e desenfadada -gozando das moitas anécdotas e dos centos de entrañables e divertidas imaxes que contén, inéditas na súa maior parte- ou ben como un libro de consulta, xa que a cantidade de datos que aporta axudarán a poñer coto a vellos mitos e rumores que, esperamos, queden dunha vez enterrados".

 

Sobre o autor

Alfonso Espiño Louro (Santiago de Compostela, 1976), é un amante da música, segundo conta "foi un neno moi bailón e cantarín nas décadas dos 70 e oitenta". Pertenceu a grupos como Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit ou Los Chavales e en 2016 comezou a súa andaina en solitario co nome de Espiño.

 

É doutor en Historia da Arte na especialidade de Música, licenciado en Filoloxía Inglesa e realizou un Mestrado en Xestión Cultural pola Universidade de Santiago.