O Consorcio e a editorial Alvarellos recollen nun libro a historia do primeiro ferrocarril galego

venres, 15 Setembro, 2023

O Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos presentaron este venres na Casa das Asociacións de Cornes, en Santiago, o libro que coeditan 'Historia del primer ferrocarril gallego. El tren de Rosalía', de Tomás Cavanna Benet, pertencente á Biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio.

 

A presentación realizouse no día no que se fan 150 anos da posta en funcionamento da primeira liña ferroviaria de Galicia de 42 quilómetros entre a estación de Cornes, no municipio de Conxo (actualmente integrado en Santiago de Compostela), e O Carril (municipio absorbido por Vilagarcía de Arousa).

 

Ao acto de presentación acudiron a presidenta do Consorcio, e alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos; o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde, e o escritor Suso de Toro, quen escribiu o prólogo do libro.

 

Este libro recolle a historia do proxecto do primeiro ferrocarril de Galicia que, aínda que tivo un final feliz, tivo moitas dificultades para ser posto en marcha. O autor relata nel os plans iniciais xurdidos en 1859 que pretendían converter Santiago "en porto de mar". A partir de aí, os iniciadores do proxecto, o republicano José Sánchez Villamarín e o prestixioso xeógrafo Domingo Fontán viviron dificultades no seu soño por falta de recursos, erros de cálculo na previsión de custes e algaradas difundidas en contra da súa construción.

 

O libro leva por título "El tren de Rosalía" xa que a poeta viviu os seus anos finais ao pé da estación de Padrón, e porque ademais os seus restos mortais realizaron nel a súa derradeira viaxe, en 1891, como relata no prólogo o escritor Suso de Toro.

 

A publicación recolle máis de 130 imaxes e publicacións moi descoñecidas e conta desde o proxecto inicial ao transcurso das obras ata a festa de inauguración e os primeiros anos de vida da liña.