O Consorcio de Santiago presenta un libro que se mergulla na historia dos hoteis composteláns a finais do século XIX e comezos do XX

mércores, 15 Febreiro, 2023

O Consorcio de Santiago presentou este xoves na Sede Afundación da rúa do Vilar o libro 'Fondas e Hoteis da Compostela burguesa (1878-1930)' escrito por Juan David Díaz López e que foi coeditado xunto con Teófilo Edicións. O libro pertence á Biblioteca Científica Compostelá.

 

Á presentación da publicación acudiu, ademais do propio autor, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, e os responsables de publicacións de Teófilo Edicións e o Consorcio, José Luis Teófilo e Juan Conde Roa.

 

Neste libro o lector poderá atopar unha información moi completa e detallada de todo o que foi no seu día a vida hoteleira santiaguesa, ben analizada polo autor, que non só foi quen de construír un relato ameno, intenso e moi sedutor, senón así mesmo unha investigación histórica solvente e impecable como se reflexa nas moitas fontes de información que emprega.

 

Segundo o autor, "o libro xira arredor dos hoteis entendidos como plasmación física e arquitectónica de establecementos comerciais vencellados ás formas contemporáneas de dar aloxamento, e máis nunha cidade historicamente orientada a recibir forasteiros".

 

Tese de doutoramento

A obra foi elaborada a partir da tese de doutoramento do autor, que leva por título Ciudades y hoteles en la Galicia contemporánea (1779-1948), realizada na Universidade de Santiago baixo a dirección de Alfredo Vigo Trasancos, quen asina o prólogo, e defendida en 2018.

 

"A hotelaría moderna en Santiago é un fenómeno moito máis recente que está directamente relacionado co seu espertar burgués no ámbito do último terzo do século XIX e que se prolongou ata a década dos anos 30", destaca no seu prólogo Alfredo Vigo Trasancos.

 

A través de catro diferentes capítulos faise un percorrido polos antecedentes, as fondas e o hotel no Santiago de finais do século XIX, a consolidación do aloxamento moderno no inicio do século XX e os anos 20 e o seu legado.

 

Sobre o autor

Doutor en Historia da Arte pola USC, Juan David Díaz López centra o seu labor investigador nas transformacións urbanas ligadas á cultura burguesa e particularmente ás do mundo dos viaxeiros e o fenómeno turístico. A realización dunha estancia predoutoral na Universidade de Londres impulsa o seu interese polas conexións anglosaxoas da temática hoteleira, o que se plasma en estudos como Unha casa para o viaxeiro. Da orixe do hotel ao caso galego (2015). Colaborador do equipo Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo (HAAYDU), da USC, participou en diversos proxectos de investigación estatais e realizou diversas publicacións sobre historia da arte, urbanismo e arquitectura en Galicia.

 

Sobre Santiago, ademais do presente libro, publicou O Pazo de San Lourenzo de Trasouto. De oratorio franciscano a retiro señorial (2015), ou o máis recente capítulo para o volume Domingo de Andrade. A invención do barroco, titulado A Torre do Reloxo e o achado do barroco compostelán nos albores do turismo (2021). Ambas publicacións foron editadas polo Consorcio de Santiago.