O Consorcio de Santiago presenta "El peregrino y otras historias en Compostela", un libro de relatos de Emilia Pardo Bazán inspirados en Santiago

De esquerda a dereita: Belén Hernández, Henrique Alvarellos, Xose Á. Sánchez Bugallo, J. M. González Herrán e Juan Conde Roa
mércores, 1 Xuño, 2022

O Consorcio de Santiago presenta este mércores un libro de relatos de Emilia Pardo Bazán seleccionados polo catedrático en Literatura Española e profesor emérito na Universidade de Santiago de Compostela José Manuel González Herrán pertencente á Biblioteca Literaria Compostelana e coeditado coa editorial Alvarellos no que se reúnen trece historias da grande escritora que teñen como escenario ou inspiración a cidade de Santiago. Ademais, tamén se inclúen relatos inéditos ata o momento así como ilustracións ou manuscritos moi pouco coñecidos.

 

Co título "El peregrino y otras historias en Compostela", J. M. González Herrán recolle dez contos, dúas novelas curtas e o comezo dunha novela inconclusa da escritora coruñesa na cidade compostelá, que foi, xunto con A Coruña, Madrid e París, o espazo preferente tanto literario como vital da autora.

 

Ao acto de presentación, que se celebrou este mércores 1 de xuño na Fundación Eugenio Granell de Santiago acudiu o propio José Manuel González Herrán, así coma o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, a xerente do Consorcio, Belén Hernández e os responsables da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos e de publicacións do Consorcio de Santiago, Juan Conde.

 

Feitos singulares
Os relatos de Pardo Bazán en Compostela están baseados en feitos singulares pero reais coma o da monxa que escapaba descolgándose desde a reixa da súa cela no muro de San Paio de Antealtares para fuxir co seu amado e se estrelou contra as lousas da Quintana. Tamén a logradísima novela de maxia e bruxería titulada Belcebú ou o conto "La Cana", obra pioneira no xénero policial.

 

Ademais recóllese a historia da santa que vivía sen inxerir máis alimento que a comuñón diaria ou un poema escrito pola autora aos 15 anos e dedicado a Compostela co que se abre a publicación.

 

Segundo J. M. González Hernán "non busquemos nestes versos adolescentes o talento poético que, como ela mesma recoñecía, nunca tivo, pero poden servirnos, como pórtico a estes relatos, para advertir do temperán atractivo que Santiago de Compostela espertou na moza Emilia Pardo Bazán".

 

Emilia Pardo Bazán (A Coruña 1851-Madrid 1921) foi unha escritora, intelectual, xornalista, crítica literaria e narradora que triunfou como escritora e figura pública. Durante a súa vida literaria escribiu máis de 500 obras e foi unha firme defensora dos dereitos dos mulleres.