O Consorcio de Santiago lanza un novo programa de axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas e ao mantemento da envolvente exterior das vivendas da Cidade Histórica compostelá cun importe de 900.000 euros, un 50% máis que na convocatoria de 2022, tras a súa aprobación na xuntanza do Consello de Administración do Consorcio o pasado 16 de decembro.
Este é o cuarto incremento consecutivo destas axudas para un programa que se vén realizando anualmente nos últimos seis anos tras as primeiras convocatorias dos anos 2006, 2009, 2012 e 2013.
Estas subvencións abranguen a restauración ou reposición dos elementos especiais e de interese arquitectónico tanto de madeira como galerías, fiestras e portas de entradas aos edificios; restauración de reixas; mantementos de elementos da envolvente exterior como fachadas exteriores ou patios interiores e cubertas; mellora da eficiencia enerxética e do illamento acústico; así como a consolidación ou reposición das estruturas tradicionais da madeira.
As solicitudes poderán realizarse no Rexistro do propio Consorcio ata o próximo 20 de febreiro ou en calquera rexistro. Na web do Consorcio, consorciodesantiago.org pode atoparse toda a información ao respecto.
75 vivendas no 2022
Durante o 2022, o Consorcio concedeu axudas para a rehabilitación de 75 vivendas por un importe de 598.702,34€ dentro do programa 'Ter É Manter'. Grazas a elas farase unha inversión total nos inmobles de 1.715.635,46€.
Desta convocatoria, en carpinterías investíronse máis de 217.000€, mentres que en reixas uns 28.000€ e en envolventes máis de 320.000€. Aos honorarios profesionais dos arquitectos destináronse uns 33.000€.
O número de solicitudes presentadas para esta convocatoria de axudas foi de 96, das cales 16 renunciaron e 5 quedaron fóra ao completarse o límite de inversión orzamentada nesta partida.
Aposta pola madeira
Dos 75 beneficiarios das axudas, 46 solicitaron actuacións sobre as súas carpinterías de madeira, o que se traduce nun 60% de solicitudes para este tipo de rehabilitación.
Esta subvención permitirá a reposición de 675 metros cadrados de carpinterías e a restauración de 845 metros cadrados, o que se traduce na actuación sobre 1.520 metros cadrados en total sobre elementos da madeira tales como galerías tradicionais, fiestras enrasadas e protexidas, contrafiestras e portas da cidade histórica.
Ademais da madeira, o programa Ter É Manter tamén colaborará nas obras de mellora de enreixados, de eficiencia enerxética ou de illamento acústico das vivendas.
Malia todo, faise fincapé especial nas actuacións de consolidación, reposición e mellora das estruturas tradicionais de madeira, incentivando a introdución de novos produtos innovadores derivados da madeira.
Ter É Manter
Este programa beneficia tanto a propietarios, a arrendatarios ou a titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble así como comunidades de propietarios.
Para poder participar, os requisitos son estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica así coma que o seu uso sexa o de vivenda principal, ter unha antigüidade superior aos dez anos e ter condicións suficientes de seguridade estrutural e estanqueidade fronte a choiva.