O Consorcio de Santiago executará as obras do Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercadorías do Casco Histórico, cun importe de 4,5 millóns de euros

venres, 16 Decembro, 2022

O Consorcio de Santiago celebrou este venres a súa Comisión Executiva e o seu Consello de Administración. As dúas xuntanzas estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo. Contou tamén cos representantes das tres administracións que conforman o Consorcio: Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia e Concello.

 

De cara ao cumprimento das esixencias da lexislación vixente, no transcurso de ambas as reunións aprobouse un plan de obxectivos para o ano 2023, xunto ao orzamento do ano 2023, así como tamén foi modificado o plan xeral de investimentos 2023-2026.

 

Orzamentos
O presuposto para o vindeiro ano ascende a 9.639.809,46€. As achegas das tres administracións consorciadas ascenden a 4.783.160€ por parte da Administración Xeral do Estado, 2.874.413 € da Xunta de Galicia e 1.406.513€ do Concello de Santiago.

 

Dentro dese investimento, ao Programa de Rehabilitación, Mantemento e Recuperación Urbanas destinaranse 1.910.635,76€; mentres que ao Programa de Dinamización Cultural e Turística, que inclúe a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, irán 6.026.587,11€ e ao Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da cidade destinaranse 375.327,58€. Por último, no Programa de Administración, Dirección Xeral e Mantemento e Conservación do Patrimonio Propio investirase un total de 1.327.259,01€.

 

Centro Loxístico
Entre os puntos aprobados este venres está o convenio polo que o Consorcio encargarase das obras do Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercadorías para o Casco Histórico, que terá un importe de 4,5 millóns de euros.

 

O Centro financiarase con fondos Next Generation que proceden dunha subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que obtivo o Concello de Santiago. En base a este Convenio aprobado na xuntanza, o Consorcio encargarase da redacción do proxecto así como a execución das obras.

 

Tecido residencial
No que se refire ao tecido residencial, en 2023 o Consorcio continuará coa súa liña de axudas dentro do programa “Ter É Manter”, destinadas ao mantemento das envolventes exteriores e á rehabilitación das carpinterías de madeira e reixas dos edificios de titularidade privada. Prestarase especial atención ás actuacións dirixidas ao aforro enerxético. Para esta convocatoria destinaranse 900.000 €, o que representa un incremento do triplo en relación a 2020.

 

Mantemento de lousados
No marco do programa “A pedra que pisas”, o Consorcio de Santiago destinará o vindeiro 2023 un total de 194.851,15€ á conservación e mantemento dos pavimentos e lousados do recinto intramuros da cidade histórica.

 

Información, Estudo e Divulgación
O Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da Cidade Histórica comprende a coedición de publicacións vencelladas á cidade -no 2023 está previsto que saian á luz un total de 14 novas publicacións-, así como a organización de exposicións na Casa do Cabido, entre outras iniciativas.

 

Continuarase ademais co escaneado das publicacións esgotadas para a súa posterior publicación na páxina web do Consorcio, o que permitirá a súa consulta tanto por parte de investigadores como de particulares.

 

Dinamización Cultural e Turística
O Programa de Dinamización Cultural e Turística inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, que representan un custo total de 6.026.587,11€.

 

Ademais, o Consorcio colabora con diferentes entidades da cidade, de cara a promover actividades culturais como o espectáculo dos fogos do Apóstolo, o festival Cineuropa, diversas iniciativas culturais do Auditorio de Galicia, Programa Conciencia da Universidade de Santiago, Música en Compostela ou a colaboración coa Fundación Granell.