O Consorcio de Santiago e Xerais editan o catálogo da exposición adicada á familia Baltar

mércores, 19 Outubro, 2022

O Consorcio de Santiago e Edicións Xerais presentaron este mércores no salón de actos da Facultade de Medicina de Santiago o catálogo da exposición adicada á familia Baltar, 'Deber de Baltar. Medicina e compromiso'.

 

Este libro é o catálogo da exposición que acolleu o Colexio de Fonseca entre o 19 de febreiro e o 16 de abril de 2022. A mostra, inspirada na novela Un señor elegante do escritor Suso de Toro, foi comisariada e deseñada por Pepe Barro.

 

Ao acto acudiron o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; a responsable de publicacións da Editorial Xerais, Sara Vila, así coma os propios Suso de Toro e Pepe Barro.

 

Pepe Barro destaca o doado que foi realizar esta exposición grazas ao profundo arquivo do que dispoñían. "Afortunadamente, Ramón Baltar foi un gardador de papeis, como quería Pessoa, e aí están as pegadas do seu itinerario vital, pero por sorte dispoñemos tamén dalgún moble e de obxectos simbólicos".

 

"Esta exposición é o museo provisional da historia da casa dos Baltar de Padrón e Santiago. Unha historia ocorrida en pouco máis de cen anos, desde mediados do século XIX até a morte do doutor Ramón Baltar Domínguez en 1982, e que floreceu nun pequeno triángulo entre Padrón, Pontecesures, Rianxo e Santiago de Compostela", incide o escritor Suso de Toro.

 

Os Baltar

A obra Un señor elegante do escritor galego Suso de Toro foi o punto de partida para esta exposición que profunda na historia do médico-cirurxián Ángel Baltar e os seus descendentes, os cales “tiveron tempo de protexer de modo efectivo figuras principais da nosa cultura e do noso país, como Rosalía de Castro, Murguía e Castelao, ademais de desenvolver brillantes carreiras profesionais”, escribe Suso de Toro no catálogo da mostra que tamén profunda nas figuras dos médicos Antonio e Ramón Baltar Domínguez.

 

Neste catálogo da exposición detállanse momentos e vidas da familia Baltar, unha saga que se estendeu en varias xeracións con diferentes escenarios. Trátase dunha historia ocorrida en pouco máis de cen anos, dende mediados do século XIX ata a morte do doutor Ramón Baltar Domínguez. “Nun ciclo tan longo da vida dunha familia houbo momentos de crecemento e esplendor e momentos dolorosos. Reconstruír estas situacións e dilemas resultou un labor delicado, pois cuestionaba a memoria familiar tal como chegara, unha memoria apagada que explica o case esquecemento no que se encontraba”, continúa o escritor galego no catálogo da mostra.