O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia presentaron este xoves no Museo do Pobo Galego o libro 'Anatol e dous máis', unha novela da escritora Blanca Riestra que forma parte da Biblioteca Literaria do Consorcio de Santiago.
Á presentación do libro acudiu, ademais da autora, a presidenta do Consorcio e alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, Concepción Losada e a conselleira da Editorial Galaxia Patricia Arias.
'Anatol e dous máis' é unha reedición en lingua galega do primeiro libro de Blanca Riestra, 'Anatol y dos más', publicado en 1996, ópera prima de Riestra.
Esta novela, ambientada en Compostela, "fala do sagrado e o terrible, fala das inocentes alegrías da vida que, como dicía Kerkegaard, non teñen máis ca un defecto: a súa mesma inocencia. Non é soamente un paseo polo efémero da xuventude, é a historia doutra educación sentimental, torpes, ás veces tenra, segundo indica a autora.
Un libro que ten tres caracteres principais. "Para os tres protagonistas, cada día era unha bebida burbullante e agridoce, un calvario cheo de chistes e paxaros e, ás veces, dun pracer incomprensible", conta.
"Paula posúe todos os defectos propios dunha iluminada, co grao exacto de depravación e de desamparo. Gustavo é mullereiro, narigudo e estudoso: adora o sol, os mendigos e as tendeiras. Anatol é baixiño e chámase Pepe e, como todos os seus amigos en Santiago, quere ser escritor", engade Riestra.
Sobre a autora
Blanca Riestra (A Coruña, 1970) é doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Borgoña cunha tese sobre o poeta Juan Larrea, foi directora do Instituto Cervantes de Albuquerque (Estados Unidos), directora literaria da colección Versión Celeste da editorial francesa Orbis Tertius, profesora universitaria e, na actualidade, mestra de secundaria no IES Neira Vilas de Oleiros.
É tamén autora de diversos libros e recibiu diferentes premios, entre eles o premio Torrente Ballester por Greta en su laberinto (2015), o premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia por Noire Compostela (2016) ou o premio Blanco-Amor 2021 por Aquí comeza o mar, tamén publicado por Galaxia.