O Consorcio de Santiago e a Editorial Andavira coeditan un libro que explica o sistema financieiro da cidade no século XVIII

Presentación na Real Sociedade Económica de Amigos do País
luns, 10 Outubro, 2022

O Consorcio de Santiago e Andavira Editora presentaron este luns na Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago o libro 'Dinero y crédito en Santiago de Compostela (1768-1809)' pertencente á Biblioteca Científica Compostelana do Consorcio e foi escrito por Francisco Cebreiro Ares.

 

Ao acto de presentación acudiron, ademais do propio autor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio, Belén Hernández, o vicepresidente da Real Sociedade Económica, José Manuel García Iglesias; así coma os responsables de publicacións do Consorcio e Andavira, Juan Conde Roa e Lucila Ventoso.

 

Neste libro, o autor analiza a innovación financieira e afundimento do antigo réxime monetario dos últimos anos do século XVIII e primeiros do XIX. Segundo o autor, a primeira conclusión que se extrae destas catro derradeiras décadas do Antigo Réxime é a súa "complexidade e diversidade, en sintonía cos instrumentos e dinámicas coñecidas para o resto de cidades españolas e europeas".

 

Explícase tamén que "os veciños de Compostela contaron cun mercado organizado de crédito hipotecario, un sistema financieiro en torno aos grans, coñeceron e empregaron a letra de cambio, accederon a diversos mecanismos bancario e participaron das inversións modernas tanto de accións de débeda pública da Monarquía Española", segundo Cebreiro.

 

Sobre o autor

Francisco Cebreiro Ares (Santiago de Compostela, 1990) é investigador posdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela. As súas investigacións centráronse na análise dos mercados de crédito privado, o desenvolvemento da banca e das redes mercantís internacionais ao longo do século XVIII.

 

Participou ademais en múltiples proxectos de investigación nacionais e internacionais e realizou estancias de investigación en diversas institucións. A súa tese doutoral Circulación monetaria e crédito en Galicia ao final do Antigo Réxime recibiu o premio Valentín Paz Andrade (2018) concedido de maneira conxunta polo Consello Económico e Social e o IDEGA.