O Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos presentaron este xoves na Sede Afundación da Rúa do Vilar o libro que coeditan 'Sarela. Paisaxe cultural', de José Manuel Ortigueira Bobillo, pertencente á Biblioteca de Divulgación Xacobea.
Na presentación estiveron presentes, ademais do propio autor, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, así como o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos, e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde Roa.
Este libro recolle a historia do río, así coma a explicación da conca, o clima, as pontes -algunha delas tan singulares como a dos Tres Ollos ou a da Burata-, os esquecidos petróglifos, o seu nacemento, fontes principais e lavadoiros para despois introducirse na súa flora e fauna, a agricultura e industria arredor do río, así como a arquitectura que compón a súa contorna e a literatura que xira ao longo do tempo.
Unha coidada edición
Nesta publicación inclúense historias, fotografías a cor e mapas para explicar a composición dun río que representa nos seus pouco máis de dez quilómetros de camiño -dende o seu nacemento preto de Pardaces ata a desembocadura no río Sar en Vidán-, unha parte fundamental da personalidade e da historia de Santiago. "Non obstante, as súas poéticas augas e a súa riquísima contorna seguen a ser hoxe unhas grandes descoñecidas. Por esta razón, a presente obra será todo un descubrimento", indica Ortigueira.
Segundo o autor, "a paisaxe complétase coa singular historia industrial do río. Durante o século XIX, arredor das súas augas funcionaron ata 15 fábricas de curtidos, nun tempo no que Compostela chegou a ser a capital da industria do coiro en España".
"Toda esta documentación preséntase dun xeito áxil e didáctico, enriquecida con máis de 100 imaxes e ilustracións -actuais e históricas-, ademais dun detallado mapa que nos permite situar todos eses lugares citados e camiñar, guía en man, por unha nova Compostela fluvial", engade José Manuel Ortigueira Bobillo.
Sobre o autor
José Manuel Ortigueira Bobillo naceu en Rairiz de Veiga (Ourense) en 1960 e desde 1985 é residente en Santiago de Compostela. É enxeñeiro agrónomo e máster en dirección de empresas, e ten dirixido diversos proxectos culturais relacionados coa paisaxe e a fotografía. Entre eles, as exposicións Compostela Única (2013) e Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela (2020), que contaron con cadanseu libro-catálogo, ou a organización das Xornadas Internacionais de Paisaxismo (1991).
Así mesmo, é autor do libro Casos prácticos sobre análisis de inversiones y financiación de pymes. Desafiar la miopía empresarial (2004).
A súa vida profesional está centrada no desenvolvemento industrial e tecnolóxico de Galicia, a través das sociedades públicas autonómicas Sodiga e Xesgalicia.