O Consorcio de Santiago celebrou esta tarde a súa Comisión Executiva e o seu Consello de Administración. Ambas xuntanzas estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo. Así mesmo, asistiron como vicepresidentes o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a subsecretaria do Ministerio de Facenda e Función Pública, María del Pilar Paneque Sosa. Xunto a eles estiveron o subsecretario de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Jesús Manuel Gómez García, e a subsecretaria do Ministerio de Cultura e Deporte, Andrea Gavela Llopis.
No transcurso das xuntanzas aprobáronse as contas xerais do organismo correspondentes a 2020 e a proposta de orzamento para a confección dos Presupostos Xerais do Estado 2022 solicitada pola Administración Xeral do Estado o mes pasado. Ademais, entre outros asuntos de trámite administrativo, aprobáronse varias modificacións orzamentarias, entre elas para a redacción do Plan Director da Alameda e do Plan Especial de Conxo.
As reunións centráronse fundamentalmente en dar conta da programación estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago 2021-2027-2032, que se presentará ante o Real Padroado este domingo, 25 de xullo, no Hostal dos Reis Católicos.
Plan Director da Alameda
O parque da Alameda está catalogado como Xardín Histórico. O Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica establece a necesidade de redacción dun Plan Director, co fin de establecer as pautas para a súa restauración e mantemento futuro. O Plan, que estará dirixido por arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio, incluirá os espazos situados entre a trama urbana e a Alameda, así como as conexións e relacións co Campus Sur da Universidade de Santiago. O presuposto estimado de redacción deste documento é de 159.721,75 €.
Plan Especial de Conxo
O Consorcio de Santiago tamén licitará os traballos de redacción do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo. Inclúense os seus xardíns e hortas, zona de acceso e núcleos do contorno. A redacción deste Plan contratarase por un valor estimado de 206.480 €.