O alcalde de Santiago, e presidente do Consorcio, Xosé A. Bugallo, visitou na mañá deste xoves as cubertas do Pazo de Raxoi tras a reparación que se fixo por parte do Consorcio do edificio que acolle a Casa Consistorial e a presidencia da Xunta de Galicia. Na visita estivo acompañado por Belén Hernández, xerente do Consorcio, e Lourdes Pérez Castro, directora da obra.
Xosé A. Bugallo destacou o deterioro que producira realizar desde as cubertas do pazo o lanzamento dos fogos do Apóstolo durante varios anos. "O destrozo era enorme, pero ademais había un risco potencial porque este é un edificio de estrutura de madeira. É evidente que aquí non poden volver", indicou o presidente do Consorcio.
Durante a intervención, modificouse a instalación de pluviais, coa inclusión dun sistema sifónico que permite a evacuación da chuvia que cae nesta gran superficie con só dúas baixantes. Este sistema é semellante ao que se utiliza no Auditorio de Galicia.
A arquitecta responsable da obra, Lourdes Pérez Castro, destaca "que todos os faldróns da cuberta dispoñen agora duns corredores ao seu pé que permiten a realización dos labores de mantemento, que toda cuberta necesita, de maneira cómoda".
Ademais, inclúese un illante térmico que permitirá mellorar a eficiencia enerxética do edificio, así como tamén se substituíron as tellas do edificio, que estaban visiblemente danadas.
Esta obra foi realizada pola empresa Obras Gallaecia S.L. por un importe global de 706.701,14€. Agora, tras ser aprobado no Consello de Administración do Consorcio no mes de abril, realizarase o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da fachada principal do Pazo de Raxoi que completará a rehabilitación deste emblemático edificio que está catalogado co Nivel 1 no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago.