
O Consorcio de Santiago reuniu este martes a súa Comisión Executiva e o seu Consello de Administración. Ambas xuntanzas tiveron lugar no Pazo de Vaamonde e estiveron presididas pola presidenta do Consorcio e alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín. En representación da Administración Xeral do Estado acudiu o Inspector Xeral do Ministerio de Facenda, Ángel Esteban Paul; en representación da Xunta de Galicia, José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude; Manuel Vila López, secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e Elvira Mª Casal García, secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e en representación do Concello de Santiago de Compostela, os concelleiros Borja Verea Fraiz, Gumersindo Guinarte Cabada e María Rozas Pérez. Asistiron tamén a ambas xuntanzas José Manuel González García, secretario do Concello de Santiago de Compostela e secretario do Consorcio de Santiago; Marta Oviedo Creo, interventora do Concello de Santiago de Compostela e responsable de control interno do Consorcio de Santiago; e José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago.
Na xuntanza aprobouse o orzamento para o vindeiro ano, que ascende a 11.204.098,66€. As achegas das tres administracións consorciadas son de 5.739.792,00€ por parte da Administración Xeral do Estado, 3.449.295,60€ da Xunta de Galicia e 1.678.475,82€ do Concello de Santiago.
Dentro dese investimento, ao Programa de Rehabilitación, Mantemento e Recuperación Urbanas destinaranse 2.649.221,80€; mentres que ao Programa de Dinamización Cultural e Turística, que inclúe a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, irán 6.427.348,49€ e ao Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da cidade destinaranse 408.310,42€.Por último, no Programa de Administración, Dirección Xeral e Mantemento e Conservación do Patrimonio Propio investirase un total de 1.719.217,95€.
Rehabilitación, Mantemento e Recuperación Urbanas
Entre as novas obras de recuperación urbana aprobadas para este 2026 están as intervencións en monumentos senlleiros como o Pazo de Raxoi, onde se continuará coas obras de conservación e mellora da eficiencia enerxética, nesta ocasión na fachada norte; o conxunto de San Domingos de Bonaval, coa rehabilitación da torreta da fachada leste; e a Igrexa de Santa María de Conxo, onde se restaurarán as carpintarías e se instalará un novo sistema de iluminación.
No 2026 tamén se continuará co programa de mantemento da cidade "A Pedra que Pisas", adicado á conservación e a reparación dos pavimentos da cidade histórica.
Dinamización Cultural e Turística
O Programa de Dinamización Cultural e Turística inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, e a colaboración con diferentes entidades da cidade, de cara a promover actividades culturais como o espectáculo dos fogos do Apóstolo, o festival Cineuropa, diversas iniciativas culturais do Auditorio de Galicia, o Programa Conciencia da Universidade de Santiago, Música en Compostela e a Fundación Granell.
Información, Estudo e Divulgación
O Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da Cidade Histórica comprende a coedición de publicacións vencelladas á cidade, que no ano 2026 está previsto que sexan publicadas un total de 13 novas obras, así como a organización de tres exposicións na Casa do Cabido, entre outras iniciativas.
Administración, Dirección Xeral e Mantemento e Conservación do Patrimonio Propio
Para o ano 2026 no programa de Administración, Dirección Xeral e Mantemento e Conservación do Patrimonio Propio, se continuará a liña de investimento para a mellora do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e se avanzará na implantación da administración electrónica.