O Consorcio de Santiago iniciará nos vindeiros días, tras as festas do barrio, unha intervención lixeira de mellora da contorna da Colexiata de Sar, uns traballos que consisten no acondicionamento do muro e o pavimento do adro da igrexa.
Esta obra buscará realizar unha consolidación puntual do muro naquelas zonas nas que é indispensable para frear a súa deterioración progresiva así como recuperar a superficie permeable na contorna da fonte, recuperando o solo vexetal ao seu redor.
Outro dos obxectivos é o de substituír no pavimento histórico as chapas de granito introducidas en reparacións realizadas durante os últimos anos para restaurar a praza adxacente despois do deterioro que sufriu a súa utilización como aparcadoiro nos últimos anos. Para este arranxo seguirase o mesmo criterio que na reposición de enlousados da cidade histórica.
Ademais, tratarase a permeabilidade do chan á auga da chuvia e recuperarase o espazo verde permeable eliminando as soleiras de formigón. Farase tamén un estudo da conveniencia de manter as especies vexetais no muro.
As obras foron adxudicadas á empresa 2000 joscon construcciones S.L. por un importe de 37.550 euros.