O Consorcio coedita un novo libro dos Bolechas, unha aventura que transcorre en Santiago

mércores, 28 Novembro, 2018

O Consorcio de Santiago e a editorial Bolanda acaban de publicar o libro Os Bolechas van a Santiago de Compostela, unha nova aventura dos personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro hai xa 18 anos.

 

Esta publicación forma parte dunha serie centrada en diferentes lugares de Galicia, a xeito de guías turísticas, creada co dobre obxectivo de entreter e formar. “Quedan moi poucos concellos na comunidade que non teñan a súa guía dos Bolechas. Boa parte deles contan cun relato propio protagonizado por estes irmáns galegos tan populares entre os máis pequenos” -salienta Tomás Valín, da editorial Bolanda-.

 

Nesta ocasión os Bolechas van facer o tramo final do Camiño de Santiago coas súas amigas Antía e Carme e co seu amigo Nicolás. Vanse guiar polas frechas amarelas que hai repartidas pola cidade, para non se perderen. Pero ás veces as frechas amarelas son moi brincadeiras e os protagonistas desta historia terán que amañar para poderen chegar ao seu destino. A aventura comeza en San Domingos de Bonaval e terán que pasar por varias rúas e espazos emblemáticos ata chegar á catedral: a Porta do Camiño, Casas Reais, rúa Travesa, praza de Cervantes, Acibechería… e acaban, perdidos, no Burgo das Nacións, entran no interior do Hostal dos Reis Católicos, báñanse na fonte de Praterías…

 

Ao final do libro hai un plano que ilustra o percorrido que os amigos fan polas rúas de Compostela e que serve de guía dalgúns dos principais puntos da cidade histórica. Trátase dunha edición bilingüe, en galego e en inglés, co fin de que os nenos procedentes doutros países tamén poidan desfrutar coas aventuras dos Bolechas.

 

Unha familia de seis irmáns que entretén e forma aos máis novos a través da lingua galega

 

Esta familia de seis irmáns (Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá) xorde no ano 2000 da creatividade do debuxante Pepe Carreiro, co propósito de entreter aos máis novos da familia e de facelo ademais a través da lingua galega, xogando un importante papel na promoción e difusión do idioma. Estes personaxes contribúen ademais á divulgación e á formación, mediante o pracer e o divertimento dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia.

 

Os Bolechas son os protagonistas da máis importante e afamada serie da nosa literatura infantil. Con case 700 títulos publicados e máis de 1.750.000 exemplares distribuídos, causan furor e contan cunha verdadeira lexión de seguidores entre os pequenos da casa, o que os converteu nun auténtico fenómeno cultural galego. “A través da colección Guías, os Bolechas tratan de dar a coñecer diversos espazos da nosa contorna, ben sexan lugares, comarcas, municipios, vilas ou entidades que queren divulgar entre a infancia aspectos do seu labor” -explica Tomás Valín-.