O Consorcio adquire o legado do pintor Carlos Maside

martes, 24 Xullo, 2018

O Consorcio adquire o legado do pintor Carlos Maside, por un importe global de 430.717 euros, o 50% do cal será financiado polo organismo interadministrativo e a parte restante pola Deputación da Coruña. O acordo entre ámbalas dúas institucións permitirá que as obras permanezan en Compostela, cumprindo así o desexo do artista.

 

As obras, ata o de agora en mans da familia, están depositadas na Fundación Granell, ata que se decida unha sede temporal ou definitiva para as mesmas. A intención das Administracións é que este legado estea permanentemente exposto ao público, dada a súa importancia e transcendencia artística pero tamén histórica, como un novo punto de atracción e dinamización cultural e turística da cidade.

 

O legado de Carlos Maside está integrado por 21 cadros, deles 13 son óleos sobre lenzo, 1 pastel, 3 gouache e 4 debuxos a lapis; polo que esta obra é primordial para coñecer a arte galega da primeira metade do século XX. Inclúe obras que abranguen dende 1930 ata os anos 50 onde se pode apreciar a traxectoria pictórica do artista, pois trátase de pezas de referencia do mesmo.

 

Carlos Maside foi unha renovador da arte galega xunto a Colmeiro, Seoane, Souto e Laxeiro; a súa obra, entendendo por tal o seu traballo artístico, polifacético, multidisciplinar e intelectual, e a súa produción, son imprescindibles para comprender o renacer da arte galega nestes anos e o avance da plástica en Galicia.

 

Maside pertencía a ese grupo de artistas que Seoane acuñou co nome de Vós Novos; un grupo que representaría unha actitude intelectual e artística máis crítica coa realidade política e social que a da Xeración Nós.