“O cinema e os cines en Santiago” presenta unha Compostela atenta ás vangardas do século XX

xoves, 17 Decembro, 2020

O Consorcio de Santiago e a Editorial Guiverny publican o libro colectivo O cinema e os cines en Santiago. A través desta publicación preténdese poñer en valor o destacado papel que ten desempeñado a cidade compostelá na mellora da tradición cinematográfica galega e mesmo española. Búscase redescubrir a historia do cinema e das salas de cine da cidade, xunto co seu impacto na vida e na transformación da mesma.

 

A obra conta coa participación dun total de 14 autores, que, desde os seus enfoques profesionais pero tamén desde a súa relación sentimental co cine, presentan unha visión coral tanto da historia das rodaxes e visitas a Santiago das grandes estrelas do cinema coma das anécdotas que máis enraizaron na crónica social e que tiñan a escuridade das salas de cines como manto protector.

 

O libro reúne a un panel multidisciplinar de expertos que conta con xornalistas, produtores audiovisuais, realizadores, escritores, especialistas e profesores universitarios. Trátase de Fernando Rodríguez Madriñán, José Luis Castro de Paz, José Mª Folgar de la Calle, Ángel Luis Hueso, Xosé Enrique Acuña, Jesús Ángel Sánchez García, Xosé Ramón Pousa, Mario Eijo Barrio, José Luis Losa, Fernando Cortizo, Miguel Piñeiro Devesa, Eduardo Galán Blanco, Suso de Toro e Moncho Lemos.

 

O resultado é unha ampla visión do cinema en Santiago, entretecida coa crónica sentimental. Así, abórdanse as súas orixes, o cineclubismo, a implicación da Universidade na difusión e estudo da sétima arte en Santiago. Rescátase tamén a figura de Jesús Estévez, o primeiro xornalista autóctono que entrevistou a grandes actores e actrices, e menciónanse casos de éxito do sector da animación, ao tempo que se redescobre unha peza singular do documentalismo dos anos 50 ou se analizan os cines da cidade desde unha perspectiva arquitectónica.

 

Santiago, escenario de filmes de directores nacionais e internacionais como Pedro Almodóvar ou José  Luis Cuerda

 

Santiago atesoura na súa memoria unha longa historia como escenario da rodaxe de longametraxes dalgúns dos principais directores de cine nacionais e internacionais, como Stanley Kramer, José Luis Cuerda, Pedro Almodóvar ou Emilio Pérez; e tamén galegos, como Antón Reixa, Xavier Villaverde... Todos eles escolleron a luz e o son de Santiago, ademais de empregar os seus recunchos como escenarios para ambientar algunhas das súas creacións.

 

O libro presenta un coidado apartado gráfico co que dá vida novamente ás fotografías, carteis, gráficas, programas de man históricos, pasquíns... que foron conservados por coleccionistas ou se custodian en arquivos e que, en definitiva, nos falan do amor da cidade polo cine.