O alcalde visita as obras acabadas de instalación dun ascensor no Conservatorio Histórico

martes, 7 Xullo, 2020

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou esta mañá a obra xa rematada de instalación dun ascensor no edificio situado na Praza de Salvador Parga nº 4, na cidade histórica compostelá, que na actualidade é sede do Conservatorio Histórico, do Ateneo de Santiago e da Real Sociedad Económica de Amigos del País. O Consorcio de Santiago asumiu a elaboración do proxecto a través da súa Oficina Técnica, o financiamento íntegro da obra, ademais dos custos relativos aos honorarios facultativos do arqueólogo e do director de execución. A empresa encargada desta actuación, cuxo importe alcanzou os 91.478,24 €, foi a firma local Obras Gallaecia, S.L.

 

No encontro estiveron tamén, entre outros asistentes, o director xerente de Afundación (propietaria do edificio), Pedro Otero; Francisco Loimil e Javier Brage, presidente e xerente da Real Sociedad Económica de Amigos del País; Vera Kolar, directora do Conservatorio Histórico; Salvador García-Bodaño, presidente do Ateneo de Santiago, o seu secretario, Francisco Candela, e o seu tesoureiro, Antón Porteiro; ademais da xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e do arquitecto do Consorcio e coordinador deste proxecto, Ángel Panero.

 

En nome de todas as entidades que ocupan o edificio, Francisco Candela resaltou “a sensibilidade do Consorcio de Santiago á hora de atender a petición de instalación dun ascensor, que concluíu cun resultado magnífico e contribúe a dar maior accesibilidade a todas as persoas que asisten ás actividades que se desenvolven no inmoble”.

 

O ascensor ten unha batería que permite realizar ata cen viaxes no caso de cortarse a subministración eléctrica

 

O arquitecto Ángel Panero explicou que “a finalidade desta intervención era garantir a accesibilidade universal ás tres plantas do inmoble histórico, catalogado de nivel 4, cunha superficie construída total de 2.555,93 metros cadrados e un uso intensivo por parte dos cidadáns debido ás institucións que alberga”. Destacou que o ascensor dispón dunha batería que permite realizar ata cen viaxes no caso de cortarse a subministración eléctrica.

 

O ascensor instalouse no patio interior do edificio, abríndose desde o portal un acceso ao patio interior por debaixo da escaleira. Este acceso obrigou a reformar os pequenos aseos existentes no patio, polo que se aproveitou para acondicionar tamén un aseo para persoas con mobilidade reducida no patio. No primeiro e segundo andar transformouse unha ventá que daba ao patio en porta de acceso desde o ascensor.

 

O arquitecto sinalou que o Consorcio promoveu esta intervención dentro do propósito do organismo interadministrativo de “traballar para mellorar sempre as condicións de habitabilidade dos edificios da cidade histórica, neste caso respaldando técnica e administrativamente o procedemento para a instalación dun ascensor que garanta o dereito á accesibilidade universal de calquera cidadán a todas as plantas en calquera edificio con uso público”. E salientou que “a obra executouse con atención ás directrices de seguridade provocadas pola COVID-19”.