O 9 de xaneiro, derradeiro día para visitar a mostra de “Compostela Ilustrada” na Casa do Cabido

mércores, 19 Decembro, 2018

O Consorcio de Santiago patrocina a exposición “Tres anos de Compostela Ilustrada. Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe”, que pode visitarse na Casa do Cabido dende o pasado 22 de novembro. A mostra aglutina un centenar de obras de 32 artistas procedentes de diferentes puntos de España, Portugal, Francia e Xapón, participantes destes encontros, unha iniciativa que arrancaba no ano 2016 baixo a dirección do ilustrador Miguelanxo Prado. O derradeiro día para percorrela será este mércores, 9 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

 

A mostra, comisariada por Gemma Sesar, expón por primeira vez unha selección dos traballos de “Compostela Ilustrada”, realizados durante estes tres anos de vixencia do certame -2016, 2017 e 2018- polos artistas convidados, tanto figuras recoñecidas como valores en alza, e polos participantes no mesmo. É o caso de nomes como Javier Mariscal, Miguelanxo Prado, os franceses Catel Muller e Lapin, Fausto, Maru Godas, Inma Serrano, Celia Burgos, Joaquín González Dorao, Isabell Seidel, Ana Luisa Frazão, Mr. Zé, Nanda Cabaleiro ou o xaponés Ikeda Munehiro, entre outros moitos.

 

Unha visión diferente da cidade

 

Tal como resaltan os seus promotores, as tres pezas clave de “Compostela Ilustrada” son o turismo, a cultura e a arte; posto que busca descubrir e promocionar unha cidade diferente aos propios composteláns e tamén aos seus visitantes. Por outro lado, poñen de manifesto que “os movementos de debuxantes urbanos están cada día máis en auxe e forman parte xa da paisaxe das grandes cidades, cuxos habitantes están afeitos a ver grupos de xente na rúa retratando o que ven, porque aquí o bo non é tanto a excelencia do debuxo senón a frescura e o achado de capturar o momento que reflicten”.