A Casa do Cabido acolle, dende mediados do pasado mes de xaneiro, a exposición ”Nun recuncho de ningures”, que reúne pezas do artista compostelán Salvador García-Bodaño Pereira, coñecido como RADU [Rescate Artístico Destino Utopía], realizadas con materiais reciclados. O derradeiro día para percorrela será o martes 19 de marzo. O horario da Casa do Cabido é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de martes a sábado. Os domingos abre pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e os luns permanece pechada ao público.
A mostra aglutina un total de 50 pezas de estética innovadora que o artista realizou ao longo de varios anos, na súa maioría esculturas e tamén algunha pintura, ademais de mobles reconvertidos en obras de arte. Salvador exprésase a través de materiais como o papel, o cartón e a madeira; materiais de desfeito aos que dota dunha nova vida, transformándoos en pezas únicas de aspecto primitivo. O resultado é un conxunto de obras figurativas, tanto humanas como animais e outras de carácter imaxinario.
O autor manifesta que “sempre me sentín abraiado polo maleábel e fráxil que son o papel e o cartón e como se converten, despois de tratalos, en elementos fortes e duros, permitíndome realizar pezas duradeiras no tempo. O proceso de realización é complexo e de moita paciencia, pero gústame o resultado final, o que para min é fundamental para seguir facéndoas”.
É unha variada e orixinal mostra escultórica conseguida logo de complexos procesos de preparación e tratamento técnico dos materiais para lograr endurecelos e transformalos en pezas artísticas. Nesta liña, Salvador GB Pereira explica que se trata dun proceso arduo porque cómpre reunir distintos tipos de papeis, de cores diferentes, e realizar unha especie de trenzado ou anoado que supón moitas horas de traballo. Logo as pezas trátanse para que perduren no tempo. “É unha técnica que non adoita empregarse para o tratamento deste tipo de pezas e o resultado é moi chamativo. O esforzo tradúcese en pezas de grande orixinalidade e colorido” -sinala-.