A exposición “Compostelaneando a miña fauna. Muller, Xapón, Cacto…” reúne na Casa do Cabido, dende mediados do pasado mes de xullo, pezas en pequeno formato do escultor José Francisco López Noya, máis coñecido como “Francés”. O derradeiro día para visitala é o vindeiro venres, 14 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
A mostra, que tivo unha moi boa acollida durante estes meses, aglutina un total de 51 esculturas que o escultor “Francés” realizou entre o ano pasado e este ano. A exposición divídese en dúas partes diferenciadas. Por un lado, o artista réndelle homenaxe á muller, a través de pezas nas que critica o machismo da sociedade actual. Así, pode contemplarse dende o detalle dunha geisha ata un burka…, esculturas que “pretenden poñer á muller no valor cultural que se merece”. Outra parte da exposición céntrase en Xapón, a través de diferentes motivos da cultura nipona. Ademais, exhíbense motivos elementos vexetais, en particular o cacto como elemento recurrente na obra deste escultor.
As diferentes pezas están feitas con aceiro inoxidable, ferro, aceiro corten, lousa verde e lousa negra, xunto ao emprego da madeira, sobre todo de castiñeiro. Todos estes materiais son autóctonos de Galicia, procedentes en concreto da zona de Valdeorras e do concello lucense de Pol. Así mesmo, o autor utiliza con frecuencia madeira e ferro reciclados para a realización dos seus traballos.
O 170 aniversario da Banda Municipal
A vindeira mostra que acollerá a Casa do Cabido será unha homenaxe á Banda Municipal de Santiago con motivo do seu 170 aniversario. A agrupación, unha das máis antigas do panorama nacional, daba os seus primeiros pasos no ano 1848. A través desta mostra farase un percorrido pola súa historia, chea de anécdotas e vicisitudes diversas.
A exposición parte do libro “La Banda Municipal de Santiago. Música en las compostelanas rúas desde 1848”, da musicóloga Beatriz Cancela Montes, editado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora, que se presentaba na cidade o ano pasado.