Máis de 1,8 millóns de € para actuacións en monumentos da cidade e actividades de dinamización cultural

luns, 16 Decembro, 2019

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva e Consello de Administración. Ámbalas xuntanzas estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén participaron, entre outros, os dous vicepresidentes do organismo: a subsecretaria do Ministerio de Facenda, Pilar Paneque Sosa, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González. Deuse a benvida ao novo interventor do Consorcio de Santiago, Juan Ramón González Carnero, interventor ademais do Concello de Santiago. No transcurso das reunións púxose de relevo que, por primeira vez, se vai elaborar un Plan de Obxectivos do organismo, de cara ao cumprimento das esixencias da lexislación vixente.

 

O organismo vai destinar o vindeiro ano un importe global de 805.539,62 € a intervencións en monumentos da cidade, co fin de preservar o importante patrimonio histórico-artístico de Compostela. Destacan en particular as obras na capela da Corticela da catedral de Santiago e no Pazo de Raxoi.

 

A capela da Corticela

 

Na capela da Corticela da catedral de Santiago vanse eliminar as goteiras da súa cuberta, cun presuposto estimado de 159.558,13 €. A capela de Santa María A Antiga (A Corticela) é unha parroquia independente inserida no conxunto da fábrica da catedral de Santiago. Co obxecto de erradicar as humidades que se producen na actualidade por fallos na estanquidade da cuberta, e que están a provocar danos tanto nas fábricas como no interior da capela, proponse a reposición da cuberta con tella cerámica. Aproveitarase ademais a actuación para eliminar o recrecido de rasillas cerámicas e formigón soporte da tella, executado nas obras dos anos 60 do pasado século XX. Así mesmo, levarase a cabo a limpeza dos paramentos de fábrica granítica.

 

O Pazo de Raxoi

 

No caso do Pazo de Raxoi, vaise reparar a súa cuberta, que se atopa nun deficitario estado de conservación, tal como se recolle no Plan Director do edificio. A cuberta do corpo central, situada sobre a sala de delineación, presenta unha gran cantidade de tellas rotas e desprendidas. As cubertas que se corresponden co salón de actos do Consello da Cultura Galega e a da zona leste do arquivo municipal tamén amosan danos importantes. Nestas zonas da cuberta a tella deixou de realizar a súa función e é a prancha ondulada de fibrocemento, situada debaixo dela, a que evita que a auga penetre ao interior do edificio.

 

Moitos dos restos de tellas desprendidas acumúlanse nas canles de desaugadoiro que recollen a auga das cubertas, diminuíndo a sección eficaz da canle e provocando atascos e desbordamentos que xeran abundantes filtracións da auga de choiva ao interior do inmoble. Dende a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago consideran, por tanto, urxente proceder á substitución da cuberta.

 

Debido ao carácter monumental do edificio, catalogado co Nivel 1 no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, estímase conveniente que o Consorcio inclúa esta actuación no seu programa de investimentos, cun presuposto estimado de 645.981,49 €.

 

Mantemento de lousados, rehabilitación de edificios e locais comerciais

 

No marco do programa “A pedra que pisas”, o Consorcio de Santiago vai destinar o vindeiro ano un total de 187.095 € á conservación e mantemento dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica. Pola súa parte, o programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior de edificacións de titularidade privada; e o programa de axudas para a rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas, sumarán un importe global de 300.000 . Así mesmo, o organismo interadministrativo dedicará 35.000 € á rehabilitación dos locais comerciais a través do seu “Programa Localízate”.

 

Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica

 

Para o seu Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, o Consorcio destinará un total de 359.764,04 €. Este programa inclúe a coedición de publicacións vencelladas á cidade, así como a organización de exposicións na Casa do Cabido, entre outras iniciativas.

 

Programa de Dinamización Turístico-Cultural

 

Dentro do Programa de Dinamización Turístico-Cultural, o organismo interadministrativo destinará un total de 5.733.368,22 €, o que inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia -cuxo orzamento supera os 4,5 millóns de euros- e a Escola de Altos Estudos Musicais. Ademais, o Consorcio colaborará con diferentes entidades da cidade, de cara a promover actividades culturais como os fogos do Apóstolo, o festival Cineuropa, iniciativas do Auditorio de Galicia, Programa Conciencia da Universidade de Santiago; xunto á colaboración coa Fundación Granell e Música en Compostela.